El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación apoia o labor social do Comité Anti-Sida CASCO

Unha achega de 60.000 euros para manter a súa rede de pisos de acollida.

05-08-2025 12:30:09
Valentín González Formoso (e).

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña outorga unha subvención nominativa de 60.000 euros á Asociación Comité Ciudadano Anti-Sida de Coruña (CASCO) para cofinanciar o programa de mantemento da súa rede de pisos de acollida durante o ano 2025. Esta achega supón preto do 23% do orzamento total da iniciativa, que ascende a máis de 263.000 euros. 

O programa, que leva en funcionamento máis de dúas décadas, está centrado na atención residencial e integral a persoas en situación de exclusión social, con especial atención a persoas con VIH/SIDA. CASCO xestiona dous pisos de acollida na cidade da Coruña: un dirixido especificamente a persoas seropositivas e outro orientado a calquera persoa en situación de vulnerabilidade, sen importar a causa. 

Ambos recursos funcionan en réxime residencial as 24 horas do día, os 365 días do ano, e contan cun equipo multidisciplinar formado por profesionais da psicoloxía, traballo social, educación, dereito, deporte e atención directa. A intervención realízase mediante itinerarios individualizados, adaptados á situación de cada persoa, e inclúe fases de recuperación médica, formación e inserción sociolaboral, ademais de actividades culturais, deportivas e de lecer. 

A Deputación da Coruña considera que o labor que desenvolve CASCO é único na provincia e cumpre unha función social fundamental, ofrecendo apoio a persoas que, nalgúns casos, carecen doutras alternativas habitacionais e asistenciais. A institución provincial destaca o carácter especializado e integrador deste recurso, así como o seu compromiso coa dignidade, a saúde e a reinserción social das persoas usuarias. 

Con esta colaboración, a Deputación reafirma o seu apoio ás entidades do terceiro sector que traballan na atención directa a colectivos en risco de exclusión, contribuíndo a garantir unha rede de recursos sociais máis xusta, inclusiva e comprometida co benestar de todas as persoas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias