El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | PAISAXE

A Xunta ofrece axudas para expandir o "fermosismo" por Galicia

09-09-2025 00:02:02
Edificio en Curtis.

REDACCIÓN | A paisaxe é un elemento que axuda a mellorar a calidade de vida e benestar das persoas, xa que a contorna inflúe notablemente na cotiá. E por iso é importante protexer a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia. Para tal fin, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, convoca anualmente axudas que repercuten de xeito positivo e directo nos cidadáns: os galegos poden obter unha subvención coa que levar a cabo actuacións de corrección de impactos paisaxísticos nos seus bens inmobles, moitos deles producidos por deterioro ou mal estado de conservación, unha realidade palpable no rural e unha necesidade que cómpre atender desde a Administración. 

Ademais, a Xunta pretende que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida -con independencia do seu lugar de residencia- mediante a potenciación e apoio á prestación de servizos por parte dos concellos, a Administración máis próxima á veciñanza, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional. Deste xeito fináncianse correccións de impactos paisaxísticos en edificios destinados á prestación dos servizos municipais, así como en equipamentos que, sendo titularidade dos Concellos, son de uso e desfrute do conxunto da poboación. 

É dicir, En definitiva, promóvese a implicación da sociedade na aposta polo fermosismo promovida pola Xunta, que resulta fundamental para a conservación, a mellora e a posta en valor da paisaxe galega. 

O certo é que no Plan estratéxico da paisaxe 2021-2024 defínense unha serie de obxectivos xerais, entre os que figuran realizar accións concretas de protección, potenciación e mellora das paisaxes; e formar, sensibilizar e educar en materia de paisaxe. Para acadar as diversas metas, definíronse liñas operativas, que inclúen un Plan para o control e a eliminación do feísmo en Galicia. 

Neste marco, creouse unha medida pioneira: axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para concellos, convocadas por primeira vez no ano 2021, e xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). Unha proposta que acadou unha gran repercusión e que está a resultar moi positiva nos resultados conseguidos nos eidos ambiental e social. 

Nos últimos cinco anos, a Xunta leva concedidas, en aras do fermosismo, un total de 2.889 axudas a concellos e particulares por importe de 11,6 millóns de euros, que supoñen a mobilización dun investimento global de 16,5 millóns de euros. Desde a posta en marcha desta liña de financiamento, as axudas aprobadas xa chegaron a un total de 295 concellos, o que representa preto do 95% do total (313). Na convocatoria deste ano 2025 aprobáronse 55 axudas a concellos -para 84 actuacións- e 348 a particulares. 


Achegas a concellos 

As achegas a concellos están dirixidas a aqueles de menos de 20.000 habitantes para dúas liñas de axudas, podendo beneficiarse dun máximo de 40.000 euros (20.000 euros por liña). A primeira das modalidades é para renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais; e a segunda, para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos. 

As axudas fináncianse integramente con fondo propio da Xunta con 1 millón de euros, sendo a axuda en cada solicitude do 70% do orzamento do investimento subvencionable.Teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal coma en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior. 

A primeira liña (orientada a edificios ou dependencias destinados á prestación dos servizos municipais) abrangue a renovación do acabamento exterior das fachadas e/ou dos muros de peche das parcelas de emprazamento vinculadas a estes equipamentos; en ambos casos, principalmente, por presentar un acabado final inadecuado ou por un deficiente estado de conservación. 

E a segunda liña diríxese, por unha banda, a fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos; e, por outra, aos muros de peche das parcelas de emprazamento dos equipamentos, así como ao acondicionamento exterior de fachadas, cubertas e outros elementos. 


Achegas a particulares 

Doutra banda, en canto aos apoios a particulares, diríxense a intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche, así como á retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir -esta última, unha novidade introducida no ano 2024-. Os principais obxectivos son aumentar a sensibilidade cidadá fronte ás alteracións ou impactos en relación coa paisaxe; e sensibilizar e fomentar a colaboración das galegas e os galegos en coordinación coas administracións públicas. 

As axudas fináncianse integramente con fondo propio da Xunta, un esforzo íntegro dos orzamentos autonómicos, inicialmente con 1.000.000 de euros, sendo en cada solicitude a axuda do 70% do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 euros por beneficiario e ben. 

Ademáis, nas fachadas poderanse subvencionar actuacións consistentes no revestimento de paramentos que estean rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento. Nas cubertas, cando se atopen en deficiente estado de conservación ou presenten solucións construtivas ou materiais de acabado que poderían ser considerados como inadecuados, por exemplo, substituír placas de fibrocemento e outros materiais discordantes. Finalmente, no referido aos muros de peche, subvenciónanse actuacións naqueles executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir; o novo revestimento poderá realizarse con pintura, morteiros -indicados en todo caso para quedar vistos- ou chapados de pedra -acorde coas características da zona-.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias