El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O ciclo "Outono das Artes" ofrecerá máis de 90 actividades de danza, música, teatro e audiovisual en toda a provincia

O programa comezará o 6 de setembro co concerto de ‘De Ninghures’ en Santiago de Compostela, e prolongarase ata decembro.

29-08-2025 18:16:01
Presentado Outono das Artes.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña presentou hoxe o ciclo Outono das Artes 2025, unha ampla programación cultural que levará máis de noventa actividades de música, danza, teatro e audiovisual a concellos de toda a provincia entre os meses de setembro e decembro. A deputada de cultura, Natividade González, foi a encargada de presentar o ciclo, acompañada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e de representantes de algunhas das actividades programadas. 

A primeira cita será o 6 de setembro en Santiago de Compostela, no Campo de Conxo, co concerto da banda De Ninghures. A partir desa data, o programa viaxará por vilas e cidades como Ortigueira, Ferrol, Negreira, Sada, Ribeira, Oroso, Carral, Muros, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Rianxo ou Vimianzo, entre moitas outras, ofrecendo propostas que abranguen desde concertos e recitais ata pezas de danza contemporánea, teatro familiar e proxeccións audiovisuais. O calendario de setembro inclúe actividades todas as fins de semana e tamén en horarios de tarde e noite, co obxectivo de facilitar a participación de públicos diversos. As propostas van desde espectáculos pensados para a infancia e as familias ata recitais e representacións dirixidas a un público adulto, reforzando así o carácter plural e inclusivo do ciclo. 

Ademais de ‘De Ninghures’, completan o programa de “Outono das Artes” artistas como Uxía, Donaire, Sumrrá, Xacarandaina ou a Orquestra de Cámara Galega; compañías de teatro como Morraoconto, Pérez & Ferández ou Os Náufragos; de danza como Morriña Dance Project, Laboratorio Escénico ou Gallaecia eventos, e producións audiovisuais como Ratiña, de Alicia Úbeda, Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos ou Lévame a Idea, de Navíos e Folerpas, entre outros. 

A deputada de cultura, Natividade González, subliñou que “Outono das Artes é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á cultura e polo apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse a grandes cidades”. Engadiu tamén que “queremos que cada concello sinta este ciclo como propio: que as prazas, auditorios e casas da cultura se enchan de música, danza, teatro e cine, porque a cultura é un dereito e tamén unha ferramenta para dinamizar social e economicamente os nosos municipios”. 

Pola súa banda, a alcaldesa sinalou que dende o Concello de Santiago “compartimos esa premisa de que a cultura é un dereito”, que "non pode restrinxirse" a unha época do ano ou ás festas. Goretti Sanmartín fixo fincapé, ademais, na importancia dos barrios e as parroquias na conformación da identidade compostelá e na descentralización da cultura, tanto nas vilas pequenas da contorna como na propia capital galega, como é exemplo este concerto no barrio de Conxo.  Ademais, destacou que este concerto "ponlle o ramo" ás celebracións do centenario da anexión do concello de Conxo a Santiago de Compostela. 

O ciclo manterase activo ata mediados de decembro, pechando cunha programación especial de teatro, danza e concertos en diferentes puntos da provincia. A programación completa, con datas, horarios e localizacións, pode consultarse nas canles oficiais da Deputación da Coruña.  


Programación de setembro 

.- Día 6 

- DE NINGHURES: Campo de Conxo, Santiago de Compostela ás 21:00 horas. 


.- Día 7 

- DE NINGHURES: Praza Pola da Ribeira, Espasante (Ortigueira) ás 20:00 horas.  


.- Día 14

- NA CERNA DO SON / GALLAECIA EVENTOS – DANZA: Igrexa de Santa Maria de Mogor, O Barqueiro Mañón ás 18:00 horas. 


.- Día 17 

- RATIÑA / ALICIA ÚBEDA – AUDIOVISUAL: Centro Cultural Torrente Ballester, Ferrol ás 20:30 horas.  


.- Día 19 

- TROMSO / MORRAOCONTO – TEATRO: Casa da cultura de Ordes ás 20:00 horas. 


.- Día 20 

-TROMSO / MORRAOCONTO – TEATRO: Negreira, Auditorio Afonso Eanes do Cotón ás 21:00 horas. 

- SERÁ POR FLORES / UXÍA – MÚSICA: Auditorio Municipal de Ribeira ás 20:00 horas. 


.-  Día 21 

-TROMSO / MORRAOCONTO – TEATRO: Sada, auditorio auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns ás 19:00 horas.  


.- Día 28 

- NA CERNA DO SON / GALLAECIA EVENTOS – DANZA: Casino Aresano ás 20:00 horas. 

- DE NINGHURES – MÚSICA: Paseo do Carboeiro, Oroso ás 14:00 horas. 

.- 25 ANIVERSARIO / DONAIRE – MÚSICA: Centro Cultural da Ponte Vella, Reis, Teo ás 19:00 horas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias