El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación viaxa a Escocia para impulsar a proxección internacional do Camiño

31-08-2025 13:10:08
Proxección internacional do Camiño.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña emprende esta semana unha viaxe institucional a Escocia co obxectivo de reforzar a proxección internacional do Camiño e establecer novas vías de colaboración en ámbitos clave como a peregrinación, a cultura e o mundo académico do país. 

A delegación está encabezada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e conta coa participación de representantes das áreas de Turismo e promoción do Camiño Inglés. 

A Deputación vén realizando con éxito nos últimos anos accións de promoción e colaboración das rutas xacobeas que discorren integramente en territorio coruñés (o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía) tanto en Inglaterra como en Irlanda. Esta é a primeira vez que se buscan novas alianzas para a promoción do Camiño en Escocia. 

Un dos principais encontros será co Scottish Pilgrim Routes Forum (SPRF), entidade que promove unha rede nacional de rutas de peregrinación a pé por todo o país, recoñecendo actualmente 11 itinerarios espirituais e culturais. A xuntanza permitirá explorar sinerxías entre estas rutas escocesas e o Camiño Inglés, con especial atención a posibles accións conxuntas de promoción en ambos países. 

O SPRF, activo desde 2012, destaca por integrar a herdanza cristiá e espiritual de Escocia e colabora con redes internacionais como a Confraternity of Saint James, principal entidade promotora do Camiño Inglés no Reino Unido coa que a Deputación mantén estreitos vínculos de colaboración dende hai anos.  


Colaboración académica coa Universidade de St Andrews 

Outro eixo fundamental da visita será o encontro coa Universidade de St Andrews, fundada en 1413, a máis antiga de Escocia e unha das máis prestixiosas do Reino Unido. Os representantes da Deputación reuniranse, entre outros, coa profesora Ana Barazal Barreira, da School of Modern Languages, co obxectivo de establecer colaboracións académicas e culturais centradas na promoción do patrimonio xacobeo e galego no contexto universitario escocés. 

A universidade conta cunha forte presenza de estudos hispánicos e galegos, e atrae cada ano a milleiros de estudantes internacionais, o que representa unha oportunidade estratéxica para difundir o Camiño Inglés entre novas xeracións. 


Accións culturais conxuntas co Consulado e o Goberno Escocés 

A viaxe concluirá cunha xuntanza institucional no Consulado de España en Edimburgo, coa participación do cónsul Santiago Miralles, do asesor cultural Antonio Goñi, de representantes do Goberno escocés e de especialistas universitarios en historia e patrimonio como Cristopher Storrs, historiador, hispanista e catedrático emérito da Universidade de St Andrews e Cristina González-Longo, profesora de Arquitectura e Patrimonio da Universidade de Glasgow. 

Neste encontro exploraranse accións culturais e educativas conxuntas para dar a coñecer o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía en Escocia. As propostas a analizar inclúen exposicións, conferencias, colaboración con escolas e universidades, e apoio á difusión das rutas en espazos culturais e turísticos do país. 

Esta iniciativa enmácase na estratexia da Deputación da Coruña de reforzar os lazos internacionais do Camiño de Santiago, poñendo en valor os vínculos históricos entre Galicia e Escocia, e promovendo lazos culturais e patrimoniais que contribúan ao desenvolvemento local e á proxección exterior de Galicia e do seu patrimonio.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias