El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Rally Terra de Galicia percorrerá 375 quilómetros e sete concellos co apoio da Deputación

01-09-2025 15:47:25
Presentado o Rally Terra de Galicia.

REDACCIÓN | O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación oficial da I edición do Rally Terra de Galicia, unha proba apoiada pola Deputación da Coruña e puntuable para o Campionato de España de Rallys de Terra, que se disputará do 4 ao 6 de setembro en sete concellos da provincia: A Coruña, Arteixo, Carballo, Cerceda, A Laracha, Malpica e Ponteceso. 

No acto participaron a deputada provincial de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán; o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño; o representante da Federación Española de Automobilismo, Juan Estévez; e o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Roberto García. Xunto a eles, estiveron tamén os integrantes do comité organizador do rally, Ernesto Rumbo, Juan Fernández e Francisco Fernández, así como representantes municipais dos concellos polos que discorrerá a proba.  

Capelán destacou que se trata dun evento “histórico, que converterá á nosa provincia no epicentro do automobilismo en España”. Subliñou que o percorrido, con 375 quilómetros totais e 100 cronometrados, combina “tramos espectaculares e un ambiente único”. A deputada puxo en valor que detrás de cada detalle hai “máis de 400 persoas entre comisarios, equipo sanitario, bombeiros, protección civil, seguridade, voluntarios e un enorme dispositivo técnico que garante seguridade e profesionalidade”. E concluíu cunha mensaxe clara: “O Rally Terra de Galicia non é só deporte, é espectáculo, convivencia e orgullo de territorio”. 

Pola súa banda, o organizador Ernesto Rumbo salientou o gran traballo realizado para adecuar as pistas dos sete concellos. Rumbo explicou que os pilotos non coñecerán o trazado completo ata o mércores e lembrou que os recoñecementos se poderán facer xoves e venres baixo estritas medidas de seguridade. Avanzou tamén que a proba será retransmitida pola radio municipal de Cerceda e que algún tramo da última xornada será retransmitido pola Televisión de Galicia. 

Desde a Xunta de Galicia, Roberto García puxo o foco no valor engadido do evento: “O deporte do motor transmite valores, sitúa no mapa turístico aos concellos participantes e promove a excelencia dos nosos deportistas, que están entre os mellores de España. Ademais, Galicia lidera un crecemento en licenzas femininas que tamén se ve reflectido neste rally”. 

O concelleiro coruñés Gonzalo Castro definiu a cita como “un evento deportivo de primeirísimo nivel, froito do traballo das escuderías que consolidaron a Galicia como referente automobilístico do Estado”. Engadiu que rallys coma este “cohesionan territorio, mobilizan economía e sociedade e proxectan a mellor imaxe turística dos concellos”. Castro fixo tamén unha chamada á cooperación institucional para dar un paso máis: “Temos o reto de contar cun circuíto de velocidade en Galicia, que consolidaría a nosa comunidade como referente automobilístico en todo o Estado”. 

En representación da Federación Española de Automobilismo, Juan Estévez destacou a calidade da inscrición: “A xente vai gozar moito, contamos cunha participación espectacular con 16 Rally2”. Subliñou, ademais, a importancia da seguridade: “Dos participantes xa nos ocupamos nós, pero aos afeccionados quero pedirlles responsabilidade, porque sen seguridade nas estradas non hai espectáculo”. 

A primeira edición do Rally Terra de Galicia reunirá 51 pilotos inscritos e contará con verificacións, recoñecementos, shakedown, treito de calificación e unha saída oficial na Praza de María Pita, para culminar cunha última xornada con catro tramos a dobre pasada e a entrega de trofeos no corazón da cidade. O evento terá tamén espazo para un trofeo específico de pilotos galegos, apoio á participación júnior e feminina e iniciativas para integrar deportistas con discapacidade. 

Con máis de 40 anos de experiencia organizativa avalada polo Rally Internacional da Coruña e o Rally da Auga, esta nova cita automobilística nace con vocación de consolidarse no calendario nacional e aspirar a formar parte do Supercampionato de España e, no futuro, do Campionato de Europa de Rallys.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias