El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

VIMIANZO

O festival Vimianzo M.O.L.A. logrou atraer a máis de 500 persoas na súa primeira edición

09-09-2025 18:42:35
O festival Vimianzo M.O.L.A.

REDACCIÓN | O festival Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes) pechou o pasado domingo a súa primeira edición cunha excelente acollida por parte do público e unha programación diversa e de calidade que encheu durante dúas semanas os espazos públicos da vila —especialmente o Castelo de Vimianzo— de cultura, libros, música, narración oral, teatro e arte urbana. En total, máis de 500 persoas participaron nalgunha das actividades programadas polo festival, o que supón un éxito nesta primeira edición. 

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo resultado desta primeira edición, agradecendo o apoio das institucións colaboradoras. Dende o Ministerio de Cultura ata a Deputación da Coruña (especialmente ao vicepresidente Xosé Regueira ata a área de Turismo) así como o esforzo de todo o equipo municipal e do tecido cultural local. Destacou tamén a boa acollida por parte das librarías e, sobre todo, o entusiasmo do público: “Ver Vimianzo cheo de vida e de cultura foi un orgullo. Isto non sería posible sen o traballo en equipo nin o apoio da xente”. 

Polo Castelo de Vimianzo pasaron estes días grandes nomes das nosas letras, como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Patricia Blanco, Pedro Feijoo, Alberto Mancebo ou Rebeca Stones, e tamén de fóra, como Pablo Rivero ou Amets Arzallus. 

Desde o Concello xa se traballa na preparación dunha segunda edición do festival, co obxectivo de consolidar esta cita como unha referencia cultural no calendario galego. O Castelo de Vimianzo seguirá sendo o epicentro dun evento que busca achegar a cultura a toda a cidadanía e poñer en valor os espazos patrimoniais como escenarios vivos. 

Aínda que o groso da programación rematou esta fin de semana, o festival continuará oficialmente ata o 11 de setembro, cando se celebrará unha función especial da obra Castelao, da compañía Culturactiva Producións, dirixida a centros escolares. 

Ademais, os dous murais XXL pendentes de execución, en Bamiro e no centro da vila, levaranse a cabo nas próximas semanas, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan. O Concello anunciará as novas datas a través das súas canles oficiais. 

Vimianzo M.O.L.A. nace así con vocación de continuidade, como unha proposta cultural que aposta pola creación colectiva, o espazo público como lugar de encontro e a cultura como ferramenta de transformación.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias