REDACCIÓN | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta o novidoso programa “O Noso Club”, un paso adiante na colaboración coas entidades deportivas, no fomento da actividade deportiva na infancia, no apoio ás familias e no impulso ao deporte de base que consolidan aínda máis a Pontevedra como a provincia do deporte. No pavillón de Príncipe Felipe, diante de preto dun centenar de mozos e mozas deportistas, dirixentes de distintas federacións autonómicas e acompañado polos vicepresidentes Luisa Sánchez e Rafa Domínguez, o mandatario provincial explicou os detalles dunha nova proposta que permitirá, de xeito gratuíto e accesible, descubrir e practicar novas disciplinas deportivas aos nenos e nenas da provincia, ao tempo que facilita a clubs e federacións ampliar a súa base. “Redobramos a nosa aposta polo deporte, no que damos un novo paso na colaboración cos clubs e federacións e na que avanzamos nese compromiso estratéxico que é achegar o deporte a toda a veciñanza, desde os máis cativos aos maiores, vivan onde vivan”, presentou López.
O Noso Club é un programa impulsado pola Deputación que busca que nenos e nenas da provincia, de 6 a 16 anos, poidan descubrir e practicar distintos deportes nun entorno accesible, gratuíto e de calidade. Trátase dun programa que nace en alianza coas federacións galegas de diversas disciplinas. A través de “O Noso Club”, a Deputación e as federacións de cada deporte organizará sesións semanais de portas abertas en colexios, nas que as familias poderán anotar aos menores de xeito gratuíto e accesible a través dun formulario unificado facilitado pola Deputación que estará de xeito inminente dispoñible na súa páxina web. As sesións serán impartidas por técnicos das federacións ou dos clubs. “O Noso Club é unha canteira de canteiras”, puntualizou o presidente.
Esta iniciativa presenta vantaxes das que carecen as tradicionais escolas deportivas como son o fomento da práctica deportiva gratuíta e descentralizada, a oportunidade de coñecer diferentes disciplinas sen ataduras de inscricións ou altas federativas e unha ferramenta para achegar novos deportistas aos clubs e as federacións. Deste xeito, se a un mozo ou moza lle gusta o deporte que descubriu durante algunha das sesións do Noso Club, pode tramitar directamente coa entidade deportiva a súa ficha. “Unha nova mostra do compromiso da Deputación co fomento da actividade física, da colaboración con federacións e clubs e da aposta pola descentralización da práctica deportiva por concellos de toda a provincia”, remarcou o dirixente provincial.
Un auténtico encontro do deporte provincial no que participaron novos deportistas de disciplinas como o baloncesto, o balonmán, a loita, o taekwondo, o judo, o piragüismo, o atletismo ou o rugby. “É un programa gratuito, diverso e accesible que proporcionará un lugar no que xogar, desfrutar, crecer e aprender en compañía. Sen importar o nivel.”, salientou a vicepresidenta Luisa Sánchez, encargada de dar a benvida aos asistentes. Unha nova ponte que conecta a administración provincial coas entidades deportivas, os usuarios e as familias para seguir construíndo a provincia do deporte. Unha iniciativa pola que amosaron a súa satisfacción os dirixentes das federacións galegas de baloncesto e taekwondo, Julio Bernárdez e Noelia Pérez. “E unha ponte para ampliar a canteira de todo o noso tecido deportivo”, resumiu o presidente provincial.
“Somos a provincia que impulsa a práctica deportiva, cunha canteira de todas as idades; somos a provincia que conta coas mellores instalacións deportivas, tanto ao aire libre como nos polideportivos, pavillóns ou campos de fútbol; somos a provincia que acolle e organiza as mellores competicións; e somos a provincia cos mellores deportistas, os mellores clubs e as mellores federacións. En definitiva, somos a provincia do deporte”, concluíu o presidente Luis López.