REDACCIÓN | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou hoxe ante alcaldes e alcaldesas da provincia os plans de investimento do organismo provincial para os concellos de menos 50.000 habitantes –todos, agás Vigo e Pontevedra— en 2026. En total acadan os 128 millóns de euros, unha cifra sen precedentes na historia da Deputación. Acompañado polos membros do goberno, o dirixente anunciou no salón de plenos do Pazo provincial a rexedores e edís de todo o territorio e cor política a reedición do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que manteñen as súas dotacións de 35 e 8 millóns de euros respectivamente; así como o aumento do orzamento do Plan +Provincia ata a cifra récord de 50 millóns de euros. Ademais, adiantou que os gobernos locais poderán ter acceso anticipado aos 35 millóns de euros da Liña 1 de investimentos do +Provincia do ano 2027. “Estamos a falar de 128 millóns de euros para atender as necesidades dos concellos. Nunca antes, e dunha soa vez, a Deputación activou tantos recursos a favor do desenvolvemento dos municipios”, resumiu Luis López.
“Este é un dos días máis relevantes para a política provincial de colaboración cos concellos. Non o digo tanto como un presidente que sabe ver nestes 128 M€ a magnitude da nosa política, senón como un exalcalde que estivo durante 10 anos no voso lugar. Deseñando todos estes plans, pensaba que oxalá cando era alcalde a min me anunciaran todo isto. Non foi posible daquela, pero quédame o orgullo –meu e de todo o equipo— de facelo posible hoxe”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
Diante dos representantes destes concellos, Luis López foi debullando os aspectos máis destacados destes tres novos plans de cooperación da Deputación cos municipios. No caso do Plan +Provincia do vindeiro ano 2026, o presidente provincial anunciou unha suba de 1,8 millóns de euros, un 3,7 % máis que neste 2025, para contar cun orzamento de récord de 50 millóns de euros. Destes fondos, o 70 %, 35 millóns de euros, destinarase á liña 1 de investimentos; á liña 2 de gasto corrente 4,1 millóns, o 8,3 %; á liña 3 de contratación de persoal desempregado 9,6 millóns, o 19 % e para a liña 4 de financiación de proxectos 1,25 millóns, o 2,5 %.
Con todo, entre as novidades máis destacadas deste plan está a posibilidade de que os gobernos locais que desexen realizar investimentos de carácter plurianual poderá optar á concesión anticipada dos fondos que lle corresponden á liña 1 do seguinte ano 2027.
“O +Provincia é a pedra de toque da nosa aposta polos concellos. Nel está resumida o noso compromiso cuns concellos mellor financiados, máis preparados para executar obras, máis capacitados para contratar e con máis visión de futuro. Pero tamén, nel está a nosa aposta pola autonomía local. Como en 2023, repítoo: ninguén mellor que os alcaldes para saber en que investir o financiamento provincial”, afirmou o presidente Luis López sobre un programa que nas súas dúas primeiras edicións financiou 600 actuacións e permitiu a contratación de 1.400 persoas cun desembolso próximo aos 97 millóns.
Plan de Infraestruturas Deportivas: 20 millóns en tres anos
O segundo dos plans presentados aos alcaldes foi unha nova edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que na súa terceira entrega volverá beneficiar aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Así, o vindeiro ano 2027 a Deputación seguirá impulsando a mellora das instalacións deportivas municipais cun programa dotado con 8 millóns de euros. “En tres anos suma un investimento total de 20 millóns nas instalacións municipais”, remarcou o presidente, quen lembrou que a través dos dous plans a Deputación financiou 180 actuacións nos concellos.
Segundo Plan Extra
O terceiro dos programas anunciados foi a segunda edición do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, que volverá contar cun orzamento de 35 millóns de euros para executar proxectos estratéxicos nos concellos. Como na anterior convocatoria, as subvencións concederanse por concorrencia competitiva de xeito que aos municipios máis pequenos poderán recibir unha axuda máxima de medio millón de euros, cunha achega municipal mínima do 15 %; os de 5.000 a 10.000 habitantes, ata 700.000€ cunha achega do 20 %; os de 10.000 a 20.000 habitantes, ata 900.000€ cun 25 % de confinanciamento; e os de ata 50.000 habitantes, un máximo de 1,1 millóns cun confinanciamento mínimo do 30%.
Entre as súas novidades máis destacadas desta segunda entrega, a Deputación incorpora un novo criterio de valoración para primar os investimentos ligados a competencias municipais e permitirá tamén pagar os proxectos técnicos realizados no actual exercicio. “Na práctica, en moitos casos esa achega municipal remata por ser tamén provincial, dado que podedes recorrer ao +Provincia para a vosa contribución”, explicoulle o presidente aos alcaldes.
Un novo +Provincia dotado con 50 millóns, a posibilidade de concesión anticipada dos 35M€ da liña 1 do +Provincia do 2027, os 8 millóns do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e unha nova entrega do Plan Extra de 35 millóns que supoñen unha inxección sen precedentes da 128 millóns de euros da Deputación nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
Compromiso coas cidades
Con todo, non quixo esquecerse o presidente das dúas grandes cidades da provincia: Vigo e Pontevedra, para as que tamén adiantou novos investimentos. No caso de Vigo, aos investimentos en Balaídos ou o Cine Fraga súmase a proposta de colaboración co Concello para a reforma da piscina de Teis. No caso de Pontevedra, ademais do proxecto de Santa Clara e da recuperación da Bienal, a Deputación construirá un centro loxístico robotizado e de última xeración para o almacén dos restos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra que, malia situarse no polígono de Barro, resolverá unha demanda histórica do Museo na cidade. “Vigo e Pontevedra, como motores da provincia, tamén ocupan un lugar central na axenda da Deputación”, afirmou López.
Amortización REACPON
Por outro lado, o encontro cos rexedores da provincia serviu tamén para dar conta doutra decisión do goberno provincial, que é a amortización por completo do crédito solicitado no ano 2021 polo goberno anterior para financiar o REACPON. “Mentres este goberno da Deputación inviste cifras récord, tamén paga as facturas que se nos caixóns”, sinalou Luis López para informar da amortización dos 19,5M€ que quedaban por pagar.
“128 millóns para que os concellos aborden, planifiquen e paguen as actuacións que precisan os seus veciños, 128 millóns para que os municipios conten con máis servizos, máis financiamento e máis emprego, 128 millóns para que os concellos afronten o que, doutro xeito, sería imposible afrontar, 128 millóns que son posibles grazas á estabilidade política desta Administración: a garantía de que as necesidades dos pontevedreses non se someten a chantaxes e 128 millóns dunha Deputación que pensa, traballa e actúa para coidar desta provincia extraordinaria.”, finalizou o presidente Luis López.