El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Asinado o convenio para apoiar unha nova edición Outono Lírico

Vigo acollerá por primeira vez a ambiciosa representación de Werther, de Jules Massenet

19-09-2025 11:32:40
Presentado Outono Lírico.

REDACCIÓN | A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, salientou o “compromiso permanente” do organismo provincial coa cultura en Vigo, que se ve reflectido no convenio asinado este venres coa Asociación Amigos de la Ópera.  

A través dunha achega de 30.000 euros, a Deputación contribúe ao desenvolvemento do Outono Lírico, un ciclo de actuacións que, tal e como subliñou Luisa Sánchez, “suma anos de aposta pola excelencia musical, pola formación e pola difusión da ópera”. 

Con esta partida, a Deputación aspira a fortalecer a oferta cultural en Vigo, apoiando actividades de alto nivel artístico. Igualmente, procura situar á cidade como epicentro da lírica en Galicia. A vicepresidenta provincial convidou a vigueses e viguesas a “participar activamente” nesta edición do Outono Lírico para reforzar o evento como “unha cita emblemática desta época na provincia”. Finalmente, expresou a súa “gratitude” cara Amigos de la Ópera porque “esta clase de iniciativas cobran máis sentido se se constrúen colectivamente”.  

A sinatura do convenio prodúcese na semana previa ao inicio da programación de 2025, que comezará o venres 26 de setembro cun programa dobre. O Auditorio Afundación acollerá as representacións de ‘A voz humana’ e ‘A dama de Montecarlo’, do compositor francés Francis Poulenc. A interpretación correrá a cargo da soprano Sonia de Munck, acompañado ao piano por Miguel Huerta e baixo a dirección escénica de Eugenia Corbacho. 

Vigo gozará dun dos eventos máis destacados do ciclo en outubro, concretamente o día 18, cando o Teatro Afundación acolla ‘Unha noite de zarzuela’, con Ainhoa Arteta, Borja Quiza e Francisco Corujo como intérpretes principais. A proposta conterá fragmentos das zarzuelas máis aclamadas polo público. 

A cita máis ambiciosa desta edición chegará o 8 de novembro coa representación, por primeira vez en Vigo, de ‘Werther’, de Jules Massenet. O tenor Ismael Jordi encabezará un elenco completado por Olga Syniakova, Gerardo Bullón, Fernando Latorre e Iria Goti. 

O Outono Lírico 2025 tamén incluirá o tradicional concerto de ‘Novas Voces da Lírica’, os habituais ciclos de cine e charlas e encontros con expertos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias