El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Luis López recolle en Cannes o premio Delfín de Prat

26-09-2025 09:37:01
Luis López (2e).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de recoller na cidade francesa de Cannes, onde se celebrou o festival Cannes Corporate Media & TV Awards, o Delfín de Prata co que foi recoñecida a campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas “Cando Volves?”. Trátase dunha nova distinción internacional, a quinta, da novidosa campaña de promoción turística das Rías Baixas presentada a comezos de ano en Fitur e que por primeira vez se centra en dar a coñecer a provincia de Pontevedra a través do seu interior sen amosar nin unha soa imaxe de mar. 

A campaña “Cando Volves?” levou a distinción entre os destinos turísticos na categoría de Produto Turístico, e, malia ser unha entidade local, compartiu recoñecemento no certame con entidades públicas e privadas da talla internacional de Porsche, UEFA, Emiratos Árabes, L’Oreal ou Booking, entre outros. En conxunto, o Cannes Corporate Media & TV Awards congregou máis de 900 producións de 52 países distintos. 

O de Cannes é o quinto galardón de carácter internacional que recibe a campaña impulsada pola Deputación e producida por Esmertarte “Cando Volves?”. Este mesmo mes recibiu tamén o recoñecemento no Terres Travel Festival de Tortosa, en Tarragona. E anteriormente foi distinguida coa prata no prata no US International Awards de Los Ángeles, en Estados Unidos; con outra prata no International Tourism Festival Africa e co galardón de ouro obtido no Japan World´s Tourism Film Festival. Con este novo recoñecemento, a campaña impulsada este ano pola Deputación e producida por Esmerarte xa é a terceira máis premiada da historia do destino Rías Baixas.  

“As Rías Baixas poderían explicarse como a Costa Azul española. Unha provincia do noroeste de España con máis de 400 quilómetros de costa. Un paraíso natural cheo de praias, illas, miradoiros, cantís, portos deportivos, pequenos barcos de pesca artesanal ou rutas de sendeirismo. Pero por primeira vez na historia do noso destino, as Rías Baixas deixan a un lado a súa extraordinaria beleza costeira para mirar ao o seu interior. Un paraíso composto por 61 concellos nos que perderse e atoparse, nos que desfrutar da natureza e conectar co noso interior”, sintetizou Luis López, que viaxou a Cannes acompañado pola directora de Turismo Romina Fernández, o sentido da campaña ao subir o escenario para recoller o galardón. 

“Cando volves?” é unha peza audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia. A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra co obxectivo de avanzar na descentralización e desestacionalización do turismo e amosar todo o que queda aí por descubrir na provincia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias