REDACCIÓN | A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe a sede da Asociación Teima Down en Ferrol, onde mantivo un encontro coa directiva da entidade para coñecer de primeira man o traballo que desenvolven a prol da inclusión das persoas con discapacidade intelectual e a súa inserción laboral e estudar novas vías de colaboración.
Durante a visita, a deputada destacou o compromiso da Deputación co proxecto de Formación Sociolaboral e Emprego que Teima leva a cabo, e que conta cunha achega provincial de preto de 40.000 euros este ano. “A nosa colaboración garante a continuidade e sustentabilidade dun servizo que actúa como ponte cara a unha vida autoxestionada e independente para as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”, afirmou Rosa Ana García.
A deputada provincial salientou tamén os resultados do traballo de Teima: 82 contratos asinados con persoas usuarias, 94 convenios de colaboración con empresas da comarca, un 75 % de aprobación nas probas de homologación de competencias clave para o emprego, 120 sesións de adestramento no uso do transporte público e a pioneira consecución dunha praza de celadora no Sergas por parte da primeira muller con discapacidade intelectual da entidade.
“Formarse e acceder a un emprego ordinario é un dereito fundamental para os mozos e mozas con discapacidade intelectual, e Teima traballa cada día para facelo posible. Desenvolven un gran traballo e por iso queremos estudar formas de incrementar o noso apoio”, subliñou a deputada.
Rosa Ana García agradeceu o labor da entidade e puxo en valor o impacto que ten tamén nas familias das persoas usuarias, “que contan con apoios profesionais e estables, e poden mirar ao futuro con máis tranquilidade e esperanza”.
A asociación Teima naceu en 1994 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, promovendo a súa plena inclusión.