REDACCIÓN | A Deputación da Coruña participa na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense), cun espazo propio no que ofrece demostracións de cociña en directo, mercado de produtores locais, e a actuación de De Ninghures no Pataca Rock. O vicepresidente, Xosé Regueira, acudiu esta mañá á inauguración, onde salientou a importancia da pataca como “símbolo identitario do país”. Segundo afirmou, “este produto non só representa unha das bases históricas da nosa economía rural, senón que tamén forma parte do imaxinario colectivo e da tradición culinaria que une xeracións”.
“Para nós é un orgullo traer ata Ourense os saberes e sabores da nosa provincia” apuntou Regueira. “Agardo que a nosa gastronomía, artesanía e materia prima conquisten ao público de Vilar de Barrio”. O vicepresidente referiuse tamén ao concerto do sábado de Ninghures: “tamén trouxemos algo representativo da música”.
Showcookings
No Espazo Deputacion impártense showcookings da man de Paula Martínez e Lolo Mosteiro, do restaurante “A Artesa da Moza Crecha” de Betanzos, que elaboran pratos a base de patacas de Carballo o sábado ás 13:00, 15:00 e 17:00 horas e o domingo ás 13:00 e ás 15:00 horas.
Mercado da Deputación
Ademais, haberá un mercado no que participan diferentes produtores e produtoras locais. É o caso da forxa en vivo de Jorge Eiroa; A Castrexa coas súas delicias ecolóxicas; as conservas vexetais de As Camposeiras; a agricultura sostible de A Despensa d’Lujo e as patacas fritidas máis famosas do mundo de Bonilla a la Vista.