REDACCIÓN | A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e a deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitaron hoxe a sede de Galopín Playgrounds{/strong}, no polígono do Acevedo de Cerceda, para coñecer de primeira man a actividade desta empresa galega, recoñecida cun accésit nos VII Premios PEL pola súa traxectoria e impacto na creación de espazos de xogo públicos, inclusivos e sostibles.
Galopín é unha compañía pioneira e referente internacional no deseño e fabricación de parques infantís e biosaudables, con máis de 25 anos de experiencia e presenza en proxectos nos cinco continentes. A empresa forma parte dun grupo empresarial que integra tamén a firma Gefico, dedicada á fabricación de maquinaria xeradora de auga doce, cunha aposta común pola innovación e o impacto social positivo.
Durante a visita, as deputadas foron recibidas por Daniel Pardo, responsable de internacional de Galopín, e percorreron as instalacións da empresa acompañadas de Daniel Carbajal, arquitecto responsable de proxectos, e Marta Herva, directora xeral de Gefico. O percorrido permitiu coñecer en detalle os procesos de deseño, montaxe, transformación de metal e madeira, así como os espazos onde traballa o equipo de arquitectura e deseño.
Rosa Ana García destacou o valor engadido do proxecto empresarial pola súa capacidade de adaptación a un mercado en constante evolución, contribuíndo á transformación dos espazos públicos de xeito creativo, seguro e accesible. Tamén puxo en valor a dimensión internacional da compañía, a súa aposta polo talento multidisciplinar e o seu compromiso co territorio.
“Galopín é un exemplo claro do tipo de empresas que queremos apoiar cos Premios PEL: innovadoras, comprometidas coa contorna e capaces de crecer dende Galicia cara ao mundo”, afirmou a deputada. “A vosa traxectoria demostra que é posible crear emprego e crear produtos de calidade que, desde aquí, teñen demanda en todo o mundo”.
Lugares tan distantes como a Polinesia ou México contan con parques infantís deseñados e construídos en Creceda, segundo explicaron os responsables de Galopín. A compañía ten recibido numerosos galardóns internacionais polo seu respecto ao mediambiente a súa decidida aposta polo I+D+i e a pedagoxía nos seus proxectos infantís.
A visita rematou cun saúdo a representantes do persoal e unha reunión na que se abordaron das diferentes liñas de axuda do Plan de Emprego Local (PEL) que a Deputación da Coruña pon a disposición do tecido empresarial para fomentar o investimento, o emprego estable e a competitividade.