El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA | PREMIOS FERROLTERRA

Bernardo Fernández destaca o papel do emprendemento como motor de emprego e futuro para a provincia da Coruña

10-10-2025 20:47:06
Premios Ferrolterra.

REDACCIÓN | O portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou hoxe no acto de entrega dos X Premios Ferrolterra Emprende, organizados pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE Ferrolterra), unha cita consolidada como referente do emprendemento e do talento empresarial da comarca. 

Durante a súa intervención, Fernández felicitou á entidade por manter viva unha iniciativa que cumpre xa unha década e que, segundo destacou, “leva dez anos recoñecendo o talento e acompañando a moitas persoas que decidiron dar o paso de emprender, xerar emprego e crear oportunidades”. 

O portavoz provincial subliñou que apoiar o emprendemento é apostar polo futuro, lembrando que “cando unha persoa decide poñer en marcha un negocio, non só crea emprego, senón que dinamiza a economía local e fai avanzar á sociedade”. 


O Plan de Emprego Local (PEL), eixo das políticas de apoio ao emprendemento 

Fernández fixo especial fincapé no compromiso da Deputación da Coruña co tecido empresarial e coas persoas emprendedoras a través do Plan de Emprego Local (PEL), un dos programas máis ambiciosos de Galicia neste ámbito.Segundo explicou, o PEL contribuíu á creación de preto de 8.000 empregos, apoiou a máis de 4.000 persoas autónomas e impulsou 260 proxectos empresariais nos 11 centros de coworking provinciais, que hoxe seguen xerando emprego e valor nos seus concellos. 

“Detrás destas cifras hai historias reais: xente nova que decidiu quedar ou volver ao seu concello para poñer en marcha o seu negocio, apostando por modelos sostibles, dixitais, culturais ou sociais. Ese é o espírito que queremos seguir apoiando dende a Deputación”, afirmou. 


Facilitar o camiño a quen emprende 

O portavoz provincial lembrou que as administracións teñen o deber de acompañar o talento emprendedor e de reducir obstáculos. “Sabemos que os maiores retos son o acceso ao financiamento e a complexidade burocrática. Por iso, dende as institucións debemos facer un esforzo extra para ofrecer recursos, formación, menos trabas e máis apoio directo”, sinalou. 

Nese sentido, convidou ás persoas emprendedoras a coñecer a Rede de Coworkings da Deputación da Coruña, espazos de traballo e acompañamento profesional que permiten transformar as ideas en proxectos viables e sostibles. 


Recoñecemento a AJE Ferrolterra e ás empresas premiadas 

Bernardo Fernández pechou a súa intervención agradecendo o traballo de AJE Ferrolterra, “piar fundamental do ecosistema emprendedor que estamos a construír entre todas e todos”, e felicitou ás empresas premiadas e finalistas. 

“Non camiñades sós nin soas. Dende a Deputación da Coruña seguiremos apoiando o talento, a innovación e a capacidade de crear futuro que hai en Ferrolterra e en toda a provincia”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias