REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración do III Foro Urbano de España, celebrado na cidade herculina e organizado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e o Concello da Coruña. No acto tamén estiveron presentes o secretario de Estado de Vivenda e Axenda Urbana, David Lucas; a xefa da oficina de ONU-Habitat en España, Ana Montero; e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, entre outras autoridades.
Formoso deu a benvida aos participantes destacando que A Coruña acolle este foro por ser símbolo de dinamismo, innovación e capacidade de transformación, pero tamén por representar “unha provincia diversa, na que o urbano e o rural se entrelazan, se complementan e se necesitan mutuamente”.
O presidente subliñou que “o desenvolvemento sostible non é posible se non hai equilibrio territorial”, e defendeu un modelo no que as políticas urbanas e rurais camiñen xuntas. “As cidades son motor de progreso, pero esa forza tamén nace do talento e do traballo que brota nos pequenos e medianos concellos que loitan cada día por manter vida, emprego e servizos”, afirmou lembrando que 85 dos 93 municipios da provincia son vilas medianas e pequenas.
Entre os grandes retos que deben abordarse nas políticas urbanas, Formoso citou a vivenda, a mobilidade sostible, o medio ambiente e a transformación dixital, lembrando que “a vivenda non pode ser un luxo reservado a uns poucos, senón un dereito ao alcance de todas e todos” e no que o rural pode ser “unha solución habitacional”.
Neste sentido, subliñou a importancia de mellorar as comunicacións, o transporte público e os servizos no rural, como escolas ou centros de saúde, para favorecer o seu poboamento. “O rural non é o problema: é parte da solución. Reequilibrar o territorio é fundamental para o progreso de Galicia”, asegurou.
Emprego e cooperación municipal
Durante a súa intervención, lembrou o compromiso da Deputación coa creación de emprego e a igualdade de oportunidades no territorio. A través do Plan de Emprego Local (PEL), a institución provincial xerou máis de 8.000 empregos e apoiou 260 proxectos emprendedores nos últimos anos, moitos deles nados nos 11 espazos de coworking da rede provincial.
Tamén destacou o Plan Único (POS+), que cualificou como “o maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis importantes de España”. Grazas a este programa, a Deputación financiou máis de 4.600 obras e mobilizou 834 millóns de euros na última década, contribuíndo a mellorar servizos públicos, infraestruturas e calidade de vida en todos os concellos da provincia.
Unha provincia cohesionada e sostible
Formoso concluíu reivindicando o papel da provincia da Coruña como motor económico, social e cultural de Galicia, e tamén como referente en sostibilidade, equidade e cohesión territorial. “O modelo de futuro debe ser o da colaboración entre o urbano e o rural”, sinalou.
Finalmente, agradeceu ao Ministerio de Vivenda e ao Concello da Coruña a organización do foro, e expresou o desexo de que del “xurdan boas ideas e exemplos de boas prácticas das que todos e todas poidamos aprender mutuamente”.