REDACCIÓN | Os hoteis e pensións galegos pecharon o mes de setembro cunha facturación estimada de 53,4 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,3% respecto ao ano pasado e a cifra máis elevada da serie histórica nese mes.
Consolídase así a tendencia á alza durante este ano no sector hoteleiro galego en canto ingresos hoteleiros, que, desde xaneiro a setembro ascenden a 366,4 millóns, un incremento do 5,4%.
Segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, os establecementos hoteleiros galegos rexistraron 645.000 viaxeiros aloxados, un 2,5% máis que o ano anterior e a cifra máis alta neste mes. O principal motor do crecemento en setembro foi o mercado internacional, que alcanzou un máximo histórico con 414.000 pernoctacións, un 3,2% máis que en 2024.
Este segmento representa agora o 37% do total da demanda hoteleira galega -referíndose a noites e só ao sector hoteleiro-, a maior cota xamais rexistrada en setembro, e encadea cinco anos consecutivos de crecemento neste mes. En concreto, por mercados, EEUU foi o país estranxeiro que trouxo máis viaxeiros o pasado mes de setembro neste tipo de establecementos.
En concreto, foron máis de 51.000 estadounidenses os que visitaron a Comunidade galega o pasado mes (o que supón un crecemento do 13%), seguidos polos portugueses e alemáns.