El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

GALICIA | LEI DE RECURSOS NATURAIS

A Lei de recursos naturais beneficia á cidadanía galega

A Comunidade galega, á vangarda de Europa.

10-11-2025 00:17:29
Un parque eólico.

REDACCIÓN | Galicia é inmensamente rica en recursos naturais e esa riqueza debe ser un dos principais motores para impulsar o desenvolvemento da comunidade autónoma. Este é o motivo da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia: Lei de recursos naturais. 

A norma entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, e establece que os recursos naturais son unha peza esencial para a nosa economía e o seu aproveitamento debe impactar no territorio. O certo é que o desenvolvemento económico de Galicia pasa por aproveitar o noso vento ou a nosa terra que ten todo ao seu favor para ser máis moderna e máis próspera. 

E é que a Lei de recursos naturais é unha oportunidade para transformar Galicia nun modelo europeo de equilibrio entre desenvolvemento e sustentabilidade. Un dos seus principios fundamentais é a convicción de que o desenvolvemento industrial e a protección ambiental non son obxectivos opostos: Galicia non ten que elixir entre natureza ou economía. 

Apostar pola conservación da contorna no é un freo ao progreso, senón unha condición para garantilo a longo prazo. A industria, a actividade agro forestal ou a xeración de enerxía poden avanzar en harmonía co medio ambiente, xerando emprego e valor engadido sen comprometer a riqueza ecolóxica do territorio. 

“Esta lei nace cun espírito transformador e cunha idea moi clara: converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social”, dixo a conselleira de Economía e Industria, Lorenzana., para angadir: "Isto vaise facer fomentando os beneficios sociais e económicos dos diferentes proxectos, que van ser un compromiso adicional adquirido polos promotores para xerar un impacto positivo na comunidade autónoma". 

A conselleira explicou que "esta norma, absolutamente garantista, comprende os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables; os que requiren da concesión de augas que a propia lei determina, e os dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros". 


Abaratamento da factura eléctrica e canon á eólica mariña 

Entre os instrumentos que incorpora a lei, a conselleira mencionou o feito de que a Administración participe nos proxectos a través, por exemplo, da Sociedade Recursos de Galicia (RDG), xa en funcionamento, que vai ver multiplicadas as súas posibilidades con esta nova norma. “É unha solución para os fogares e as industrias e un potencial aliado para os axentes que operan no sector dos recursos naturais”, apuntou. Lorenzana. 

Tamén destacou que o texto inclúe unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais, que permita a instalación de infraestruturas nas parcelas lucrativas e dotacionais e sobre as edificacións, ademais de establecer unha interpretación das ordenanzas dos parques empresariais en materia de alturas máximas, recuamentos, edificabilidade e outras similares de xeito que favorezan a implantación de infraestruturas enerxéticas eficientes. 

Outro dos puntos fortes é que regula un mercado voluntario de créditos de carbono para “monetizar” a captación de carbono de determinadas actividades, que contribuirá á protección do medio natural e que fomentará aqueles proxectos e actividades que permitan reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro ou absorber carbono da atmosfera ao ser susceptibles de obter unha contraprestación económica. 

Ademais, establece un canon á eólica mariña para compensar as afeccións ambientais e socioeconómicas sobre o territorio dos desenvolvementos de instalacións de aeroxeración off-shore. E tamén un fondo con achegas públicas e privadas destinado a financiar actuacións de recuperación das zonas afectadas por incendios de incidencia singular. 


"O Goberno non está defendendo nin a Galicia nin aos galegos" 

A conselleira asegurou que co recurso de inconstitucionalidade que o Goberno vén de presentar contra as medidas de repotenciación eólica aprobadas pola Xunta, “non está defendendo nin a Galicia nin aos galegos”. 

Así mesmo, Lorenzana comentou que "neste momento, en Galicia hai 20 parques que son susceptibles de seren repotenciados porque xa cumpriron os 25 anos de antigüidade". 


Medidas valentes 

Lorenzana avogou polo trinomio industria, administración e cidadanía para acadar un desenvolvemento socialmente xusto do sector eólico. “Queremos -dixo a conselleira- que a cidadanía perciba o feito de convivir preto dun parque eólico non como unha ameaza senón como un beneficio, como algo positivo”. 

“Son necesarios cambios valentes nas políticas que estamos facendo para que a cidadanía comprenda a enorme vantaxe que pode supoñer ter un desenvolvemento renovable de primeiro nivel no seu territorio”, asegurou. 

O certo é que en Galicia xa se aprobou a excepcionalidade dos primeiros dous parques que van subministrar enerxía á planta de Ferroatlántica en Sabón e, ao mesmo tempo, van beneficiar a uns 46.000 veciños de 17 concellos con descontos na factura da luz dun 30%, para familias e pemes (15 millóns de euros).





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias