El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O pleno provincial aproba inicialmente o orzamento do 2026: 238,6 millóns

07-11-2025 14:25:50
O pleno da Deputación de Pontevedra.

REDACCIÓN | A Deputación de Pontevedra deu luz verde hoxe, nunha sesión plenaria extraordinaria, á aprobación inicial das contas do organismo provincial para o vindeiro ano 2026. Trátase do Orzamento máis alto da historia da Deputación, que se sitúa nos 238,6 millóns de euros, un 13,6% e 29 millóns máis que o do presente ano 2025. Un documento que afonda no municipalismo instaurado polo goberno que dirixe Luis López ao destinar a todos os concellos un terzo do orzamento, “porque non somos unha provincia de dúas cidades, nin de 59 concellos. Somos unha provincia de 61 concellos”, subliñou o voceiro Jorge Cubela, que foi o encargado de presentar unhas contas que reforzan tamén áreas estratéxicas para o executivo provincial como o deporte, o turismo, o benestar social ou as infraestruturas. 

Coa aprobación inicial deste Orzamento, que se conseguiu grazas os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e o rexeitamento dos deputados dos grupos do PSOE e do BNG, o goberno provincial está en disposición de cumprir por terceiro ano consecutivo o seu compromiso de ter en vigor as novas contas o 1 de xaneiro “como consecuencia da estabilidade e rigorosidade que caracteriza ao goberno de Luis López”, enxalzou o deputado Cubela. 


Municipalismo 

Por terceiro ano consecutivo, un de cada tres euros do orzamento irá destinado a apoiar aos concellos. As partidas das áreas de Cooperación e Asistencia Intermunicipal acadan a cifra de 80M€, na que se inclúe unha nova convocatoria do +Provincia que no vindeiro ano 2026 incrementa os fondos a repartir entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes ata os 50M€ e abre a posibilidade aos gobernos locais a solicitar o adianto dos recursos que lle corresponden para a anualidade do 2027. Unha ferramenta que se suma ás convocatorias xa aprobadas do segundo Plan Extra (35 millóns) e o terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (8 millóns). “Somos o aliado máis próximo da administración máis próxima. Os pequenos e medianos municipios, que en Pontevedra son 59 de 61, serán os que se beneficien dunha inxección sen precedentes de 128 M€”, remarca o voceiro provincial. 

As dúas grandes cidades da provincia, Vigo e Pontevedra, tamén contan co apoio da Deputación. O vindeiro ano disporán novamente de 7,5 millóns para financiar convenios de obras. No caso da cidade do Lérez, aos 2,5 millóns reservados para os convenios, súmanse os 210.000 euros consignados para preparar a Bienal do 2027, os 8 millóns de orzamento do Museo, a reserva de 7 millóns dos remanentes para o proxecto de Santa Clara, 35.000 euros para a redacción do proxecto do novo centro loxístico do Museo, 100.000 euros para a final das series mundiais de Tríatlon ou 350.000 euros para a organización dos Premios Feroz, así como novos investimentos en Príncipe Felipe e futuras novidades en materia deportiva. Na cidade olívica, súmanse aos 5 millóns reservados para os convenios 1,2 millóns para avanzar na recuperación do Cine Fraga, 5,3 millóns para seguir financiando a obra de Gol de Balaídos e 100.000€ para a redacción do proxecto da Vía Verde entre Redondela e Pontevedra que permitirá unir ambas urbes. “Non existe ningún argumento numérico que comprometa a aposta da Deputación nas dúas grandes cidades da provincia”, afirmou Cubela. 


A provincia do deporte 

O deporte seguirá a ser un piar fundamental na acción de goberno da Deputación o vindeiro ano. Os fondos reservados para esta área ascenden nun 35 %, ata os 8,6 millóns de euros e inclúe salientables novidades como a redacción do primeiro Plan de Equipamentos Provincia do Deporte (ProDeporte) dotado con 1,8 millóns para apoiar a renovación de equipamentos deportivos de asociacións, clubs e colectivos, a suba de 300.000 euros ata un millón de euros do programa Depovan para axudar aos clubs a adquirir vehículos, a creación dunha oficina de atracción de grandes eventos deportivos á provincia: a Rías Baixas Sports Comission; o incremento do 31 % no orzamento de O Noso Club e o reforzo das liñas de apoio a clubs e deportistas da provincia. 

Outra das áreas nas que a provincia é referencia como é o turismo tamén incorpora salientables novidades. En 2026 o orzamento aumentará nun 17%, ata chegar aos 7 millóns con novas liñas para axudar aos concellos na promoción turística, máis iniciativas de formación para o sector empresarial e unha suba do 47 % no apoio aos Rías Baixas Fest, que medrarán en número. O departamento de Benestar Social verá incrementada a súa partida nun 15 %, ata os 7,6 millóns, que inclúe a financiación dunha nova e “moi demandada” liña de compra de vehículos para entidades dotada con medio millón de euros e unha suba do 20 % nas axudas directas a estes colectivos. Do mesmo xeito, o orzamento para a Cidade Infantil de Príncipe Felipe sobe tamén nun 20 %. 

Un 7 % suben os recursos destinados ao departamento de Cultura, ata os 5,77 millóns, que servirá para incrementar nun 20 % as axudas para as escolas de música e o Culturea, así como un 50 %, ata os 300.000€, para recentemente estreada liña de compra de vestiario e instrumentos musicais para as agrupacións musicais da provincia. 


 Máis recursos para as infraestruturas provinciais 

A área de Infraestruturas, unha das principais competencias do organismo provincial, conta este ano cun orzamento de 38 millóns, o que supón unha suba do 56 %, uns 13,7 millóns, con respecto ao presente exercicio; que servirán para manter en perfecto estado a rede de 1.600 quilómetros de vías provinciais. Así mesmo, en materia de mobilidade, a Deputación seguirá a impulsar a Vía Verde, coa reserva de 100.000 euros para redactar o proxecto de conexión entre Redondela e Pontevedra, así como a promover o transporte público sustentable no rural con proxectos como Conecta Rural. 

O apoio aos colectivos seguirá sendo outra das bandeiras do goberno provincial, cunha suba do 20 % na dotación económica dos programas de acción comunitaria, como son as axudas á asociacións de veciños ou comunidades de auga. O servizo de xuventude e reto demográfico contará cun 13 % máis de fondos, e se executarán obras como a reforma do Centro Vacacional da Lanzada, orzamentada en 200.000 euros. 

Ademais, as partidas para a área de Igualdade aumentan nun 6,5 % e a de Medio Ambiente, nun 10 %. Mentres que o servizo de arquitectura contará con fondos para suficientes para executar reformas en diversas instalacións de titularidade provincial.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias