REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu hoxe unha pregunta á Comisión Europea sobre concesión do selo STEP ao proxecto da macrocelulosa Altri por parte da Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestrutura e Medio Ambiente (CINEA) e os diferentes informes existentes sobre a contaminación que provocaría. No documento, Miranda sinala que diferentes informes de expertos e organizacións referentes como ADEGA, o Consello da Cultura Galega ou a europea FERN, se posicionaron en contra deste proxecto que ameaza a biodiversidade do monte, a agricultura e as rías galegas.
“Como eurodiputada do BNG denuncio a campaña de propaganda que está a facer a empresa ALTRI despois de anunciar ese selo da Unión Europea, o selo da Comisión Europea chamado STEP, é dicir, un selo á excelencia polo uso de tecnoloxías limpas”, salienta Ana Miranda. “Denunciamos claramente que non son o uso en tecnoloxías limpas, sino que a Xunta de Galiza e o Goberno do PP ocultou e omitiu de xeito interesado no estudio do impacto ambiental respecto ás emisións potenciais dos gases que pode provocar a macrocelulosa de ALTRI”, engade a eurodeputada do BNG, quen acusa ao goberno galego de ocultar 15 elementos contaminantes que non foron trasladados á Comisión Europea.
Ana Miranda avanza ademais que solicitou información á Axencia Executiva Europea de Clima, de Infraestrutura e de Medio Ambiente para saber se na avaliación realizada para de outorgar ese selo de excelencia tiveron en conta os informes sobre os efectos contaminantes e que, de telos en conta, se estarían dispostos a revocar ese selo de excelencia.
Sen financiamento
“As galegas e os galegos non temos que pagar os pratos rotos da contaminación dunha empresa que o único que pretende é facer negocio a costa das nosas rías, a costa da nosa agricultura, a costa dos nosos montes, a costa da nosa terra, senón que temos que denunciar alto claro na Comisión Europea que non se tivo en conta o efecto nocivo que esta macrocelulosa pode ter”, denuncia a eurodeputada galega, quen apunta que ese selo “non é garantía de ter financiamento e no BNG temos moi claro que denunciaremos esta campaña de propaganda amparada pola xunta de Galiza”.
Por outro lado, segundo a eurodeputada do BNG, non se pode esquecer que Altri pretende consumir un total de 46 millóns de litros de auga ao día, dos que serán vertidos 30 millóns de litros contaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que afectaría non só ao río Ulla, senón tamén e de forma moi grave ás zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa.