REDACCIÓN | O voceiro do Goberno provincial da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou hoxe na inauguración do congreso comarcal de FICA-UGT en Ferrol, onde puxo en valor o labor histórico e o compromiso da organización sindical na defensa dos dereitos laborais no país.
Fernández agradeceu á dirección saínte o traballo realizado ao longo destes anos “para manter e fortalecer o sindicato na comarca” e trasladou os mellores desexos á nova dirección, que afronta “o gran reto de garantir o futuro dunha organización que é clave para a nosa sociedade”.
Ante este desafío, o voceiro provincial advertiu sobre o “perigo real de involución” que afronta o mundo laboral. “Estamos vendo como algúns están a a cuestionar liberdades e dereitos laborais que criamos consolidados”. Por iso, nun momento “no que se está a intentar desmontar os dereitos dos traballadores e traballadoras”, Fernández reivindicou que “UGT foi clave e fundamental na historia do noso país ao longo de 135 anos. E agora será máis necesaria ca nunca”.
Así mesmo, fixo un chamamento á unidade sindical: “cando en fronte hai un inimigo, un adversario que pretende desmontar o estado de dereito e os dereitos dos traballadores e traballadoras, é importante que os que estamos do outro lado nos manteñamos unidos” e á coherencia que sempre representou á organización ao “manterse sempre do lado dos traballadores e traballadoras e defendendo os seus dereitos. UGT representa a responsabilidade e a coherencia, valores que cotizan á alza e aos que a xente sempre volve”, afirmou.
A industria na comarca
Fernández reivindicou na inauguración do Congreso de FICA-UGT Galicia a necesidade urxente de que a comunidade aposte decididamente pola industria como motor económico clave, fronte á tendencia actual de dependencia do sector servizos. “Galicia e a comarca de Ferrol necesitan dun tecido industrial potente, sólido e solvente, non só como base da súa economía, senón como garantía de futuro, de innovación, de tecnoloxía e de empregos dignos”, subliñou o deputado provincial, que incidiu ademáis no revulsivo que supón para a economía e o emprego da comarca a aposta do Goberno de España de construir en Navantia Ferrol os novas fragatas da serie F-110 ou o novo BAC, que situán á Armada na vangarda tecnolóxica e que xeran máis de 7.000 empregos.
Neste sentido, Fernández apelou a continuar facendo “un sindicalismo sen complexos e a combater calquera forma de pseudosindicalismo que o único que fai é minorar as oportunidades dos traballadores e traballadoras” e seguir “onde sempre estivestes: defendendo os dereitos dos máis desfavorecidos, os dereitos de todos os traballadores”.
Ademáis reivindicou que “esta é unha gran oportunidade para demostrar que Galicia é unha terra produtiva. Levamos anos exportando talento, vendo á nosa xente marchar fóra para poder desenvolver o seu futuro. Nesta comarca sabemos moito disto, por iso esta oportunidade é fundamental para reverter esta situación e demostrar que aquí tamén hai futuro”.