REDACCIÓN | O eurodeputado socialista Nicolás González Casares denunciou hoxe o posicionamento do PPE —e especialmente do PP español— en dúas votacións clave no Pleno do Parlamento Europeo: o paquete lexislativo Ómnibus I e a Lei Europea do Clima para 2040. “O PP español e europeo alíñanse coa ultradereita para bloquear a loita contra o cambio climático e debilitar a transparencia empresarial”, sinalou. Na votación sobre o obxectivo climático para 2040, González Casares criticou que o PP español volvese desmarcarse da ambición climática europea, aliándose coa ultradereita e votando contra o obxectivo do 90?% de redución de emisións. O eurodeputado cualificou esta postura de “profundamente incoherente”, lembrando que mesmo en Galicia, o propio PP vén de anunciar un obxectivo de redución de emisións do 100?%. “Votar contra a lei do clima é votar contra o instrumento máis importante que temos nas mans para facer fronte ás causas que están detrás da DANA de Valencia ou dos incendios forestais do pasado verán. Non cabe maior irresponsabilidade nin maior hipocrisía”, censurou.Resulta especialmente grave a incoherencia do Partido Popular, que mentres en Santiago proclama a súa aposta pola loita contra o cambio climático e anuncia obxectivos ambiciosos de redución de emisións, en Bruxelas vota en contra das leis que fan posible esa loita. González Casares insistiu en que a descarbonización é unha oportunidade estratéxica para España: “Máis descarbonización é máis industria, máis emprego e máis competitividade para o noso país. O PP debe decidir se quere que España sexa un nodo de contaminación ou un nodo de innovación”, advertiu. Igualmente, lamentou que a dereita e a ultradereita “fixesen pinza” e votasen conxuntamente para reducir as obrigas de información e dilixencia debida das empresas en materia de sustentabilidade. Segundo explicou, este voto supón “impedir que a cidadanía coñeza se nos produtos que merca existe traballo forzado, explotación infantil ou graves danos ambientais”. O eurodeputado galego advertiu de que a competitividade europea “non pode construírse sobre prácticas abusivas nin sobre a opacidade”, subliñando que estas normas aínda non están plenamente implementadas e non poden usarse como escusa para frear avances en dereitos e sustentabilidade. Casares concluíu sinalando que estas dúas votacións poñen de manifesto “a falta de rumbo climático e social do PP e do PPE”, e lembrou que “Europa precisa coherencia, responsabilidade e liderado” para avanzar cara a un modelo económico moderno, xusto e sostible.