El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DE OURENSE

O goberno provincial presenta na comisión de Facenda os orzamentos da Deputación para 2026: superan os 110,4 millóns

14-11-2025 17:28:58
O equipo de goberno.

REDACCIÓN | O equipo de goberno de Luis Menor presentará o próximo mércores na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos a proposta de orzamentos da institución para 2026, que supera os 110,4 millóns de euros (110.475.000), cun incremento do 5,11 % e 5.375.000 euros máis con respecto ao exercicio actual. 

Tal e como adiantou Luis Menor na súa recente comparecencia no Parlamento de Galicia, estes orzamentos teñen o seu piar fundamental no Plan CooperOU que aumenta ata os 19 millóns, un millón máis que neste ano. O plan de cooperación reflíctese nos capítulos IV, de transferencias correntes, dotado con máis de 11,4 millóns (11.415.000), e no capítulo VII de Investimentos, con máis de 7,6 milllóns (7.610.000). 

Os orzamentos de 2026 destinan ao capítulo II, de gastos correntes en bens e servizos para o funcionamento da Deputación, unha partida de 28,63 millóns. Entre os conceptos máis destacados neste capítulo figura a área de Medio Ambiente (cos servizos relacionados co ciclo da auga, tratamento do lixo e zonas verdes), que contará con 8,6 millóns. 

Para Vías e Obras, xunto co parque de maquinaria e cooperación, a cantidade dispoñible será de case 4 millóns. Tamén destacan Cultura (3,1 millóns), Deportes (preto de 1 millón) e Benestar (1,2 millóns), nun capítulo onde a área de Transparencia e Goberno Aberto experimenta un importante incremento hasta alcanzar los 3,3 millóns. 

Unha cantidade que procede dos recursos captados pola Deputación no marco dos fondos europeos Next Generation para os proxectos de turismo “Ourense, cerca de ti” (1,3 millóns); o padrón on-line para os concellos (1,3 millóns); e o plan de capacitación dixital (700.000 euros). 


Transferencias correntes 

O capítulo IV, de transferencias correntes, conta con 20,82 millóns, un 18,85% do orzamento xeral. Neste capítulo figura a dotación económica do Consorcio contra Incendios e de Salvamento (CIS), que agora disporá de 750.000 euros e completará a súa asignación na modificación de crédito de abril; o INORDE (2,4 millóns); acción social co Servizo de Axuda no Fogar e iniciativas con entidades (2,3 millóns, quedando 750.000 para a próxima modificación); fomento para o deporte, que inclúe o Club Ourense Baloncesto (1,1 millóns, cantidade que se completará cunha achega de 450.000 tamén en abril); Protección Civil (1,6 millóns, dos que a metade irán na próxima modificación); Cultura, que alcanza os 720.000 euros, incluíndo os 250.000 destinados ao OUFF; e a xa mencionada parte correspondente ao Plan CooperOU (11,4 millóns). 


Investimentos reais 

Polo que respecta a investimentos reais (capítulo VI), o próximo ano a Deputación de Ourense contará con 9,80 millóns. Isto implica un peso sobre o total xeral do 8,87 %. 

Entre as partidas incluídas neste apartado compre subliñar os 4,5 millóns para o mantemento e mellora dos 1.850 quilómetros de estradas provinciais, coa previsión de sumar 5 millóns máis na próxima modificación de crédito. Tamén figuran augas e medio ambiente (1,6 millóns, quedando dous millóns para abril); Cultura e Deporte (933.000 euros); Informática e Transparencia (947.000 euros); ou o parque móbil e de maquinaria (máis de medio millón). 


Transferencias de capital 

No capítulo VII, transferencias de capital, a cantidade consignada para o próximo ano é de 8,56 millóns, cunha suba do 18,23% e un 7,75 % do orzamento xeral. A meirande parte, como quedou reflectido, está destinada ao plan CooperOU (7,6 millóns). 

Outras cantidades a citar son a achega da Deputación aos regantes da Limia para subvencionar a viabilidade financeira do plan de regadío nesta comarca (500.000 euros); as melloras de abastecemento de auga, en convenio coa Xunta de Galicia, na ETAP de Melias, en Pereiro de Aguiar; e 200.000 euros para o pavillón de deportes de Ribadavia. 


Capítulo de persoal 

O capítulo primeiro, correspondente a persoal, prevé unha partida de 42 millóns, onde se inclúen 1,2 millóns para a actualización salarial que está pendente do goberno central: un 2 % do ano 2024 e outra porcentaxe igual de 2025. Tamén figuran 1,1 millóns polo aumento do persoal laboral supramunicipal destinado fundamentalmente á recollida de lixo, así como tamén a carreira profesional con case 500.000 euros anuais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias