REDACCIÓN | A Deputación de Pontevedra incrementa nun 2% os recursos destinados a Cultura, Lingua, Patrimonio Documental e Museo de Pontevedra, que ascenden no 2026 a preto de 17,3 millóns de euros. Tanto o presidente provincial, Luis López, responsable directo da área de Lingua, como os responsables do Museo de Pontevedra e Patrimonio Documental, o vicepresidente Rafa Domínguez, e de Cultura, o deputado Jorge Cubela, puxeron en valor uns recursos que contribuirán á promoción da lingua, do Museo de Pontevedra e da cultura en xeral.
O presidente Luis López subliñou que “ao remate do 2026 teremos investido preto de 5 millóns de euros no impulso, dinamización e promoción dunha lingua, a nosa, o galego, da que tan orgullosos nos sentimos e que nos identifica e sitúa no mundo”. Neste ámbito apostaranse por liñas de axudas para que concellos e entidades poidan impulsar actividades de dinamización da lingua galega, así como a poñer en marcha encontros ou certames centrados a carón do noso idioma.
Pola súa banda, o vicepresidente Rafa Domínguez remarcou que os investimentos no Museo de Pontevedra e no servizo de Patrimonio Documental ascenderán no 2026 aos 10,2 millóns de euros e “nos permitirán seguir situándonos como un gran faro da cultura”. Neste eido, informou que están incluídos no orzamento recursos por valor de preto de 766.000 euros para a reforma do espazo de dixitalización no Edificio Fernández Flórez, así como para melloras nas salas de exposicións temporais e para a elaboración do Plan Director de Conservación das Ruínas de San Domingos e do proxecto para un almacén de restos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra no Polígono de Barro. Tamén detallou Domínguez que se destinarán máis de 213.000 euros para avanzar na Bienal de Arte de 2027 ou 40.000 euros para actividades como o Seminario de Arte Rupestre, o Congreso de Conservación e o Seminario de Estudos de Patrimonio Cultural.
E o deputado de Cultura, Jorge Cubela, detallou que cos preto de 5,9 millóns destinados a esta área no 2026 “continuaremos espallando as múltiples manifestacións culturais pola nosa xeografía e respondendo ás necesidades dun sector tan importante para a nosa economía como é a cultura”. Neste eido resaltou o incremento do programa Culturea, que sumará 200.000 euros ata chegar a 1,2 millóns de euros; +Música, con 100.000 euros máis ata os 700.000 euros ou a liña de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de instrumentos e vestiario que pasará dos 200.000 euros deste ano aos 300.000 euros do 2026. Tamén sumarán máis recursos as liñas de axuda para que entidades sen ánimo de lucro realicen actividades culturais, que ascende aos 350.000 euros (50.000 euros máis); as axudas para escolas de música, que chegan aos 140.000 euros (20.000 euros máis); o programa Rías Baixas Acción, que estará dotado con 170.000 euros (20.000 euros máis que este ano); ou o circuíto +Escénicas, que superará os 204.000 euros (9.000 euros máis).
Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, serán máis de 66 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno da Deputación de Pontevedra ao fomento da cultura e da lingua. Neste eido, recordou que, ata a data, con estes fondos públicos puxéronse en marcha liñas de axudas para a promoción da lingua galega, o I Premio de Textos Teatrais Castelao, a recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra, novas adquisicións para o Museo de Pontevedra, exposicións como A era das fábulas, o programa de residencias artísticas en Madrid e Bruxelas ou iniciativas como Culturea, +Música, os Rías Baixas Film Fest, +Escénicas, patrocinios culturais ou axudas para actividades culturais, escolas de música e festivais musicais e de artes escénicas.