REDACCIÓN | A Deputación de Ourense presentou hoxe o Plan de Actuación Integrado (PAI) Ourense Sur, unha iniciativa estratéxica desenvolvida xunto cos concellos de Barbadás, San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar, destinada a transformar a zona sur da área metropolitana nun territorio máis sostible, máis conectado e cunha maior calidade de vida.
O PAI Ourense Sur conta cun investimento de 7.275.253 euros, apoiado por 4.365.152 euros de financiamento europeo, e enmárcase nun proxecto territorial máis amplo que a institución provincial impulsa tamén na comarca de Valdeorras. En total, a Deputación executará 14,5 millóns de euros entre ambos plans, configurando o maior proxecto conxunto con fondos europeos que se desenvolverá neste mandato.
Na presentación deste plan participaron, ademais do presidente provincial, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen destacou que a consecución destes fondos “responde a un novo compromiso e cumprimento do Goberno coa provincia de Ourense", salientando o labor clave da Deputación na captación desa financiación para “un proxecto innovador que responde a criterios sostibles e innovadores”. No que respecta aos alcaldes de San Cibrao das Viñas e Barbadás, Marta Nóvoa lembrou que “estamos ante un proxecto que ven de longo, pois os 3 municipios estamos a traballar na súa planificación desde hai 2 anos”, recalcando que “a gran potencialidade dos nosos municipios demostrouse ao estar unidos” e agradeceu o traballo dos técnicos da Deputación, claves para acadar os fondos para este financiación.
Pola súa banda, Xosé Carlos Valcárcel, quixo tamén poñer en valor “o esforzo de colaboración institucional no que estivemos os tres municipios, a Deputación e o Goberno Central” e matizou que “estamos ante un exemplo claro de que a Unión Europea incide directamente na mellora da calidade de vida dos municipios pequenos”.
O presidente da Deputación de Ourense, que tamén falou en calidade de alcalde do Pereiro de Aguiar, -o terceiro concello beneficiario deste PAI- destacou que “da cooperación, da xenerosidade e a implicación de todos xorde algo moi importante que é bo para os 25.000 habitantes que xuntamos nestes tres municipios extraordinariamente dinámicos”.
Luis Menor salientou que o PAI Ourense Sur “non é unha suma de proxectos illados, senón unha estratexia única, coordinada e común”, que reforza a cohesión territorial, impulsa prácticas sostibles e promove investimentos orientados “a mellorar a vida das persoas”.
Mobilidade sostible, espazo natural e cohesión territorial
O PAI Ourense Sur concíbese como unha folla de ruta comarcal, que agrupa aos tres concellos máis industrializados da área metropolitana dentro dunha estratexia coordinada centrada en mobilidade sostible, cohesión social, innovación e mellora ambiental.
Entre as actuacións previstas destacan: unha rede de sendas peonís e ciclistas, un sistema de mobilidade sostible que conectará espazos verdes, equipamentos públicos e núcleos urbanos, facilitando desprazamentos seguros e non contaminantes. A recuperación e integración do río Barbaña, na que o río será convertido nun corredor ecolóxico estruturante, mellorando a conexión natural entre os tres municipios. A recuperación de paraxes naturais, con actuacións para favorecer o esparexemento, o deporte ao aire libre e a convivencia cidadá en contornas naturais protexidas. Así como a modernización urbana e novos equipamentos públicos.
O plan inclúe tamén investimentos clave nos tres concellos: humanización do núcleo do Pereiro de Aguiar, con melloras en mobilidade, accesibilidade e calidade urbana. Un centro interxeracional en San Cibrao das Viñas, un equipamento pioneiro que unirá xeracións e ofrecerá servizos sociais innovadores. A ampliación e mellora do pavillón deportivo de Barbadás, reforzando a oferta deportiva nun dos municipios con maior poboación xuvenil. E un novo equipamento cultural en O Pereiro, que ampliará a oferta cultural e fortalecerá a identidade local. O PAI incorpora ademais a rehabilitación dun conxunto histórico no Pereiro de Aguiar, destinado a vivendas sociais, así como a implantación de sistemas dixitais de xestión pública, que mellorarán a eficiencia administrativa e o acceso da cidadanía aos servizos municipais.