El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación centra o 25N nos novos discursos machistas sobre a falacia da libre elección de roles de xénero tradicionais

19-11-2025 13:34:36
Campaña da Deputación polo 25N.

REDACCIÓN | A deputada de Igualdade, Sol Agra, presentou hoxe a campaña da Deputación da Coruña polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Este ano, a institución pon o foco nos novos discursos, ferramentas e estéticas que alimentan as violencias machistas, desde a manosfera até o fenómeno coquette, as chamadas tradwives ou os ataques e manipulacións realizados mediante o uso de intelixencia artificial. 

A Deputación alerta de que estas correntes, cada vez máis presentes entre a mocidade, consolidan unha perigosa idealización da submisión, os roles de xénero considerados tradicionais e a desigualdade. 

Durante a presentación, Sol Agra subliñou que “a violencia contra as mulleres segue a ser estrutural e diaria”, e advertiu do avance de discursos negacionistas que “pretenden como elección ou estilo de vida o que realmente é machismo; mais non son inocentes: forman parte dunha estratexia que tenta inverter os avances conquistados e desactivar o feminismo”. A deputada puxo o acento na importancia de dotar ao sistema educativo de contidos transversais en igualdade, para fomentar o pensamento crítico e dotar de orzamentos as políticas públicas con perspectiva feminista para contrarrestar estes discursos e garantir que a mocidade acceda a información veraz e segura. 

A campaña provincial inclúe unha xornada con palestras dedicadas ás novas violencias, así como un circuíto de obradoiros interxeracionais que se desenvolverán de maneira presencial en dez concellos da provincia. O programa complétase coa edición de unidades didácticas dirixidas á adolescencia e tamén a persoas adultas, co obxectivo de ofrecer ferramentas educativas que permitan identificar, comprender e combater estas formas de violencia. Ademais, elaboraranse distintos contidos gráficos e audiovisuais, como reels, infografías e outros materiais divulgativos que estarán dispoñíbeis na web defronte.gal. 

Sol Agra destacou que “poñer fin á violencia machista é un obxectivo irrenunciábel e prioritario” e reafirmou o compromiso da Deputación na protección dos dereitos das mulleres en todos os concellos da provincia. A institución reclama medidas políticas que favorezan a prevención a través da educación en igualdade e recursos públicos que garantan atención integral, acompañamento e reparación ás vítimas, ao tempo que chama a toda a sociedade a manterse firme fronte a quen pretende frear ou inverter os avances en igualdade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias