REDACCIÓN | O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou hoxe desde o Pazo de Meirás os 50 anos de democracia en España e subliñou “a valentía colectiva que nos trouxo ata o país plural, próspero e aberto que hoxe somos”. O delegado lembrou que hoxe, 20 de novembro, “desde este lugar que representa tanto para Galicia, reafirmamos o compromiso do Goberno coa memoria democrática, coa verdade, coa reparación e coa dignidade das vítimas e das súas familias”.
Nesta liña, destacou que o Goberno de Pedro Sánchez está a dar pasos firmes “para poñer voz onde antes houbo silencio”, lembrando que xa se está a avanzar na declaración do Pazo de Meirás, da Illa de San Simón e da cidade de Ferrol como Lugares de Memoria Democrática. “Defender a democracia é ampliar dereitos e construír unha sociedade máis cohesionada e ese é o noso compromiso hoxe e todos os días”, afirmou.
Pedro Blanco tamén salientou o traballo que o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, co ministro, Ángel Víctor Torres á cabeza, está desenvolvendo en Galicia. Nesta liña recordou que se incoaron os expedientes para declarar o Pazo de Meirás, a Illa de San Simón e a cidade de Ferrol como Lugares de Memoria Democrática. Así mesmo, destacou que a Secretaría de Estado de Memoria Democrática leva investidos en Galicia máis de 500.000 euros desde 2020, destinados a exhumacións, investigacións e publicacións, un 50% canalizado a través da Xunta de Galicia. Ademais, subliñou o convenio coa USC, dotado con 200.000 euros, para elaborar o censo galego de vítimas da Guerra Civil e da ditadura, desenvolvido polo grupo Histagra, que desde 2021 traballa tamén na localización e exhumación de desaparecidos.
Programación conmemorativa en toda Galicia
Pedro Blanco sinalou que a Delegación do Goberno e as catro Subdelegacións, xunto ao Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, teñen en marcha unha programación especial de actos, que se intensifica nestas semanas coincidindo co mes de novembro e co 47º aniversario da Constitución Española. A programación inclúe:
.- Ciclos de conferencias en Ourense con protagonistas da Transición e expertos en memoria democrática, en colaboración coa Fundación Tilve.
.- Xornada sobre Memoria e arquivos históricos en Lugo.
.- Accións en medios, internet e redes sociais para sensibilizar, combater bulos e achegar a memoria democrática á mocidade.
.- Representación da obra “As Alumnas”, de Paula Carballeira, en auditorios de toda Galicia, seguida de encontros coa autora.
.- Homenaxes aos gobernadores civís asasinados en 1936 nas Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, seguindo a celebrada na Coruña.
.- Colocación dunha pancarta institucional na fachada da Delegación durante o mes de decembro co lema dos 50 anos de democracia.
O delegado lembrou que ao longo de 2025 a Delegación impulsou xa diversas accións xunto co Comisionado dos 50 anos de España en Liberdade, e destacou que “esta programación é unha homenaxe á transformación extraordinaria lograda pola sociedade española e a todas as persoas que fixeron posible estes cincuenta anos de liberdade”.
Para a comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, Carmina Gustrán, “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”.