REDACCIÓN | A Deputación da Coruña aprobou hoxe no pleno o Orzamento 2026, que ascende a 256,5 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da institución. As contas foron aprobadas cos votos favorables de PsdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP.
Este orzamento consolida o modelo municipalista iniciado en 2015 e reforzan o apoio directo aos 93 concellos da provincia, o benestar social, a seguridade viaria, o emprego e os servizos públicos.
O deputado responsable de Economía e Facenda, José Ramón Rioboo, foi o encargado de defender as contas no pleno e salientou que se trata dun orzamento “pensado para os concellos, para a súa veciñanza e para responder ao que cada municipio necesita cada día”. Afirmou que “a Deputación da Coruña é hoxe a administración que máis recursos achega aos concellos”, destacando que a institución mantén a débeda cero, todas as taxas conxeladas e adianta recursos para facilitar o traballo municipal desde o 1 de xaneiro.
O Plan Único (POS+2026) sitúase como o eixo central das contas, cun investimento inicial de 88 millóns de euros para os 93 concellos da provincia. Sumado ao resto de liñas de apoio aos municipios, máis de 110 millóns destínanse directamente aos concellos. Rioboo subliñou que a Deputación dá aos concellos coruñeses autonomía plena para decidir en qué investir: obras, servizos, iluminación, limpeza, deporte, cultura ou programas sociais.
O deputado destacou tamén o reforzo da área de Vías e Obras, que medra un 30% ata acadar 31 millóns de euros. Este incremento permitirá mellorar a seguridade viaria, manter a rede provincial e compensar o aumento dos custes dos materiais, ademais o deputado non descarou futuras ampliacións de crédito ao longo do exercicio para investimento na rede provincial de estradas.
No ámbito social, o orzamento elévase en 2026 a 35,5 millóns de euros, consolidándose como a segunda gran prioridade. Fináncianse case 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, refórzanse programas de envellecemento activo e apóiase a contratación de 178 profesionais sociais nos concellos. Rioboo puxo especial énfase no avance que suporá a implantación das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores que se ubicarán en As Pontes, Rianxo e Ordes, “cun modelo máis humano, máis próximo e máis digno para os nosos maiores”, e lembrou que a primeira, situada nas Pontes, conta no orzamento con 5,7 millóns de euros reservados para a súa construcción.
O Plan de Emprego Local (PEL) acada en 2026 os 16,3 millóns de euros. Desde 2016 permitiu investir 166 millóns, apoiar máis de 3.000 empresas e impulsar máis de 8.000 empregos. Rioboo engadiu que a Deputación seguirá apostando pola dixitalización, pola ciberseguridade e polos sectores de futuro como o audiovisual, a través do desenvolvemento do Coruña Estudio Inmersivo.
As contas inclúen tamén incrementos en cultura e lingua, deporte e mocidade, incluíndo un novo programa de estancias no estranxeiro para alumnado de Bacharelato. En materia de emerxencias destínanse máis de 10 millóns de euros aos GES, protección civil e prevención, e durante 2026 incorporaranse 80 novos bombeiros aos parques comarcais.
Para pechar a súa intervención, Rioboo definiu o Orzamento 2026 como “municipalista, equilibrado, ambicioso e humano, un orzamento que non distingue entre concellos grandes e pequenos, que non deixa a ninguén atrás e que pon as persoas no centro”. E concluíu reafirmando o compromiso da institución: “A Deputación da Coruña é a administración que máis recursos achega aos concellos. Ese é o noso compromiso e con estes orzamentos reafirmámolo un ano máis”.
Debate
A portavoz do BNG, Avia Veira, sinalou que o Orzamento “aposta por financiar adecuadamente aos concellos, que cada vez teñen máis necesidades” e incidiu nas políticas turísticas e culturais da Deputación “que brindan oportunidades”, así como na aposta pola lingua e o patrimonio: “fronte ao abandono e a desidia doutras administracións, apostamos pola posta en valor do noso patrimonio”.
O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, incidiu na necesidade de seguir incremetando o investimento en Vías e Obras: “seguimos tendo estradas estreitas e antigas”, indicou o portavoz de AV, que considerou que hai marxe importante de mellora no investimento na rede provincial de estradas, con máis 2.100 km na provincia.
O portavoz do PP, Evaristo Ben, xustificou o voto en contra do seu grupo en que os orzamentos “son máis do mesmo, teñen un rumbo continuísta” e criticou “a ausencia de criterio na execución do gasto”, a “visión desenfocada do papel da Deputación”. Tamén solicitou a creación de “plans específicos para financiar obras de saneamento e abastecemento de auga”.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, pechou o pleno recordando que as obras de saneamento e abastecemento poden ser incluidas no Plan Único, dado que os concellos teñen total liberdade de elección das obras e servizos a financiar co POS+, que supuxo “unha revolución no financiamento municipal”.
Formoso lembrou que, cando gobernaba o PP, a Deputación tiña dous plans: un POS de 25 millóns e un DTC que priorizaba ás cidades con 33 millóns. “Eran en total 57 millóns de euros o que recibían os concellos fronte aos 138 millóns que recibiron este ano do Plan Único. Moitos saneamentos e abastecementos se poden facer con esa diferencia”, remarcou.
Lembrou ademáis que “os veciños dos nosos concellos xa pagan un imposto específico para a mellora das infraestruturas da auga, o canon de Auga que pagamos a Augas de Galicia”, uns fondos que teñen como fin mellorar as infrastruturas e citou as cantidades que se pagaron nalgúns concellos o ano pasado: Abegondo 880.000 euros, Aranga (106.000 €), Ares (1 millón de euros), Arzúa (896.000 €), Bergondo (1,5 millóns de euros) ou Boiro (3,8 millóns de euros).
Ademáis deste incremento significativo no financiamento dos concellos que supuxo o Plan Único, Formoso lembrou que o orzamento en emprego pasou de 1,3 millóns a máis de 20 millóns e euros anuais cun plan estratéxico para a creación de emprego como o PEL e que no ámbito social, o orzamento pasou dos 7 millóns de euros que consignaba o último goberno o PP a preto de 40 millóns de euros para o ano 2026, convertendo a política social nunha das prioridades do actual goberno.