El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA

O Mercado de Nadal de María Pita comeza este venres

Con máis de 30 comercios e 10 de postos de hostalaría, e con actividades e animación para os máis pequenos.

24-11-2025 13:55:06
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

REDACCIÓN | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe a programación e as accións promovidas polo Concello para este Nadal na cidade. A principal novidade será o mercado que comezou este luns a montarse na praza de María Pita e que contará con máis de 30 postos comerciais e 10 postos de hostalería. 

O mercado abrirá as súas portas este mesmo venres e permanecerá aberto ata o venres 2 de xaneiro. O seu horario será de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 22.00 horas todos os días e ata as 23.00 horas os venres, sábados e véspera de festivo. Contará unha praza central cos postos de hostalería nos que non faltarán produtos habituais desta época do ano, como os churros, as crepes, o viño quente ou os gofres, mais tamén haberá postos de comida de diferentes partes do mundo. Por outra banda, haberá unha gran variedade de postos comerciais no mercado, con alimentación variada, menaxe, xoierías, produtos de artesanía, complementos, roupa, decoración de Nadal… 

Ademais, haberá animación durante todo o día na praza e decoración de Nadal espallada polo mercado, no que se colocarán numerosos abetos. “Esperamos que este mercado sexa o gran punto de encontro da cidadanía e nos sitúe ao nivel de outras grandes cidades europeas con tradición neste tipo de accións”, indicou Inés Rey. 

Neste mercado o Concello porá a disposición das entidades sociais da cidade, do tercer sector e do ámbito da diversidade funcional, un posto de maneira gratuíta. Ademais, o Concello cederá a ditas entidades máis de 3.000 bolas de Nadal con motivos característicos da cidade que se poderán adquirir neste espazo do mercado a un prezo de 10 euros. Toda a recadación irá destinada ás asociacións. “Esperamos que sexa o gran agasallo deste ano e que moitas árbores coruñesas luzan estas bolas”, indicou Rey. 


Acto de acendido con Bebeto 

Por outra banda, a alcaldesa tamén ofreceu máis detalles do acto de acendido das luces do Nadal, que, será este venres ás 19.00 horas en María Pita e contará con Bebeto, lenda do Deportivo. Bebeto, quen estará esta semana de visita na Coruña para presentar a súa biografía, premerá o botón desde o balcón do Palacio Municipal xunto a seis rapaces e rapazas, gañador/a e finalistas do concurso de postais de Nadal organizado polo Concello nas escolas. 

“Será un momento moi especial para a cidade volver a ver a Bebeto neste balcón, 30 anos despois de que o fixera para celebrar o título da Copa do Rei do 95”, celebrou Inés Rey. A cidade contará este ano con case 3 millóns de luces led e medio milleiro de arcos repartidos polos diferentes barrios da cidade. “Como cada ano, fixemos un traballo minucioso para chegar da maneira máis equitativa ao maior número de rúas da cidade”, apuntou Rey. 

Con motivo das obras nos Cantóns, este ano a Marina contará con dous dos elementos máis populares de cada Nadal: a bola e o abeto xigantes. Mais tampouco faltarán os teitos de luz da rúa Real ou a praza de Azcárraga e a iluminación nos principais puntos de acceso á cidade. Haberá puntos de luz nos dez distritos da cidade, froito da escoita que levou a cabo o Goberno municipal durante este último ano das peticións dos distintos colectivos veciñais. 


Máis de 300 eventos ata o 5 de xaneiro 

A alcaldesa tamén fixo pública a programación cultural e de ocio do Nadal na Coruña, que contará con case 300 eventos entre este venres 28 e o 5 de xaneiro.Inclúe, como cada ano, concertos, obras de teatro, festivais, visitas guiadas ás casas museo e salas de exposicións, actividades infantís, galas de Nadal… 

Rey anunciou que, aproveitando a celebración do mercado en María Pita, as actuacións das corais e as panxoliñas regresarán á praza, onde tamén haberá representacións teatrais e un concerto de Cántigas da Terra. Os centros cívicos e as asociacións veciñais volverán a acoller festas e talleres de Nadal, así como as visitas de Papá Noel e os Reis Magos. 

Tamén haberá máxima actividade nos espazos culturais de referencia da cidade, como o Coliseum, o Teatro Colón ou o Rosalía, sen esquecernos do Ágora ou o Fórum, con programación para todas as idades. Toda a programación poderá consultarse na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello. 


Campamentos nos centros cívicos 

Por outra banda, unha vez pechado o prazo para participar nas actividades deportivas de nadal, este mércores ábrese o prazo de inscrición nos Campamentos de Nadal, con máis de 500 prazas dispoñibles. 

Serán un total de 35 grupos de 15 participantes que comezarán o 22 de decembro nos diferentes centros cívicos e que permitirán ás familiar conciliar nestas datas non lectivas. As sesións celebraranse nos 22 centros cívicos municipais en horario xeral de 10.00 a 14.00 horas e ampliado de 9.00 a 14.30 horas. O prezo será de 26 euros (32 para a tarifa ampliada).





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias