REDACCIÓN | O Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia (CPLGA) valora positivamente a posta en marcha, a principios de novembro, da Unidade de Ictus de Ourense. É un avance significativo que levabamos tempo agardando. Nunha provincia tan envellecida, en que o risco de sufrir un ictus é maior e as súas consecuencias poden ser especialmente limitantes, contar cun dispositivo de atención integral 24 horas é un paso importante para mellorar a resposta sanitaria, reducir as secuelas e elevar os estándares da atención á cidadanía.
Dada a súa recente inauguración e ao entender que se trata dun proceso de mellora continua, o Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia sente a responsabilidade de sinalar os aspectos que permitirían que esta Unidade alcance o nivel de calidade asistencial que se aprecian noutras Áreas Sanitarias do país. Entre eles, consideramos fundamentais tres cuestións:
.- A implantación do cribado e valoración de disfaxia, unha intervención clave nas primeiras horas para evitar complicacións graves.
.- Posibilitar a definición do inicio da rehabilitación en planta dos pacientes ingresados.
.- Asegurar o seguimento do proceso rehabilitador destes pacientes tras abandonar esta Unidade.
O documento denominado Proceso Asistencial Integrado de Dano Cerebral Adquirido, presentado polo Sergas a finais de 2023, deixa claro que é precisa a realización dun cribado de disfaxia nas primeiras 24 horas despois do ictus. Ademais debe facerse nas primeiras 48 horas unha valoración logopédica daquelas persoas nas que se detecte un risco de disfaxia tras o cribado, tal e como establece a European Stroke Organization (ESO). Esta mesma entidade, que promove a acreditación dos centros de tratamento do ictus en Europa, considera imprescindible a existencia dun cribado de disfaxia e o inicio da rehabilitación funcional durante o ingreso para poder optar á máxima certificación de calidade.
A situación actual en Ourense non é doada: existe unha única logopedista no Sergas para toda a provincia, e ademais non atende a poboación adulta. Isto fai imposible ofrecer atención logopédica hospitalaria ás persoas que acaban de sufrir un ictus, que son derivadas automaticamente a centros externos. Aí é onde a cadea asistencial se rompe.
Por iso, queremos ofrecer a nosa colaboración desde os primeiros pasos da Unidade. O CPLGA ponse á disposición da Consellería de Sanidade para traballar conxuntamente no deseño dun plan que permita que a Unidade de Ictus de Ourense acade o nivel que a cidadanía galega merece e que xa se contempla noutras Unidades en Galicia.
As persoas que sobreviven a un ictus adoitan presentar dificultades complexas (motoras, cognitivas, comunicativas, condutuais) que requiren a intervención coordinada dun equipo multidisciplinar: rehabilitación, enfermaría, fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía clínica, traballo social e, por suposto, logopedia. Sen esta última peza, a atención queda inevitablemente incompleta, a medio camiño.
Celebramos o que xa se conseguiu e ofrecémonos a sumar para que o que queda por facer se acometa axiña e para que a atención aos pacientes sexa a mellor posible.