El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación celebra a II Gala de Turismo cos Premios de Turismo 2025

24-11-2025 17:31:22
Pleno da Deputación da Coruña.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña celebrará o próximo xoves a II Gala de Turismo, un evento que se consolida como unha cita anual de referencia para recoñecer o esforzo, o talento e a innovación do sector turístico da provincia. A gala, que terá lugar no Porto de Oza – Marina Varadero da Coruña, servirá de punto de encontro para profesionais, entidades e iniciativas que contribúen á excelencia e ao desenvolvemento sostible do turismo coruñés. 

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou que “a II Gala de Turismo é unha oportunidade para seguir impulsando un modelo turístico comprometido co territorio, co conxunto da provincia e co seu futuro”. Subliñou que o avance do sector non é casualidade, senón froito “do traballo diario de persoas, entidades e proxectos que saben que o turismo só funciona cando é capaz de xerar unha dinámica positiva para a economía local”. 

Regueira puxo tamén o foco na importancia de preservar e promover a identidade propia da provincia e que esta esencia é a que permite construír un turismo diferencial. “Todo iso conforma unha experiencia real, non artificiosa, que nos diferencia e que nos permite construír un turismo atractivo, sustentable e competitivo”, abundou. 


Cinco categorías que reflicten a diversidade e potencial do sector 

Os Premios de Turismo da Deputación da Coruña recoñecen cinco categorías que destacan aspectos fundamentais do sector:  

.- Mellor iniciativa de innovación, calidade e sostibilidade turística, destinada a proxectos que sobresaen pola súa capacidade innovadora, pola calidade dos seus servizos ou polo seu compromiso coa sostibilidade e co turismo responsable. 

.- Mellor iniciativa de posta en valor da autenticidade do territorio, enfocada en accións que reforzan a identidade, o arraigo e a singularidade dos concellos da provincia, ademais de contribuír á protección ambiental. 

.- Mellor proxecto de turismo emerxente, dirixido a empresas que destacaron pola súa evolución e polos seus logros durante os últimos tres anos. 

.- Mellor proxecto de turismo enogastronómico, un recoñecemento ás propostas que difunden a cociña local, os produtos de proximidade e a tradición culinaria, integrando innovación e sostibilidade. 

.- Toda unha vida dedicada ao turismo, un galardón honorífico a persoas ou entidades cunha traxectoria exemplar no ámbito turístico da provincia. 


Posta en valor “da realidade da nosa terra” 

Regueira sinalou que estes premios “recoñecen iniciativas que demostran que innovación, calidade e sostibilidade son compatibles coa posta en valor da realidade da nosa terra”, e que o éxito do turismo provincial “non reside en copiar modelos alleos, senón en potenciar aquilo que nos fai únicos e en acompañar tanto os proxectos emerxentes como as traxectorias de toda unha vida”. 

A Deputación da Coruña reforza así o seu compromiso co turismo como motor económico, social e cultural, impulsando iniciativas que axudan a construír un sector forte, cohesionado e preparado para os desafíos futuros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias