El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE LUGO

O Goberno saca adiante no Pleno os Orzamentos 2026: 135 millones

25-11-2025 16:16:18
José Tomé Roca.

REDACCIÓN | O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante hoxe os Orzamentos da institución provincial para o vindeiro 2026, que superan os 135 millóns de euros “para consolidar o crecemento económico e social da provincia”. Soben máis dun 3,7% respecto aos do 2025 e darán continuidade o proxecto de impulso do benestar social, “apostando con firmeza polos servizos públicos”; e de fomento das actividades produtivas, “potenciando os sectores estratéxicos”. 

Así os valorou o Presidente, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria que abandonaron os deputados do PPdeG para esquivar a votación. O mandatario provincial cualificou de “lamentable” o seu comportamento, pediulles madurez política, seriedade e responsabilidade para “deixarse de espectáculos e poñerse a traballar”. “Levan cinco anos de rexeitamento sistemático á previsión de fondos da Deputación, porque teñen unha posición fixa de bloqueo, non do resultado dun análise real do contido dos presupostos”, reprochou. As contas da Deputación foron aprobadas grazas aos votos a favor do PSdeG e do BNG. 

Durante o Pleno, a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, puxo en valor uns orzamentos que “están deseñados para avanzar no proxecto de progreso social e económico”, asentado nas políticas sociais, a mellora da mobilidade, cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos. Uns números “realistas”, porque se mantén o nivel de execución orzamentaria no 85%; “investidores”, porque soben aos 19,5 os investimentos reais e “profundamente sociais”, cunhas transferencias correntes que chegan aos 18,5 millóns. 

Destacou tamén a “débeda cero” da institución provincial, proba dunha xestión “rigorosa, responsable e comprometida co uso eficiente dos fondos públicos”. 


Compromiso coas políticas sociais 

Os orzamentos reservan 41 millóns ás políticas sociais. “Seguiremos tecendo a nosa rede de protección social, que é ampla e forte, con 41 millóns que destinaremos a seguir poñendo a disposición da veciñanza residencias para maiores públicas e de calidade, ao SAF ou á Teleasistencia”, detallou a Deputada de Economía. Nese sentido, explicou que os Centros de Atención a Maiores dan cobertura a 300 persoas, a Teleasistencia domiciliaria coida doutras 2.000 e que mediante o Servizo de Axuda no Fogar, a Deputación coofinancia ao ano 200.000 horas de atención para preto de 2.000 usuarios e usuarias. 

11,5 millóns irán destinados aos Centros de Atención a Maiores, son case 700.000€ máis que o ano pasado. Uns fondos que servirán para manter en funcionamento as residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil; e para continuar avanzando nos proxectos que a Deputación ten comprometidos noutros 9 municipios da provincia. Nese sentido, destacou que 4 –Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón- abrirán a corto ou medio prazo.  


27 millóns de aposta pola mobilidade 

A mellora da mobilidade seguirá concentrando un “importante esforzo investidor” de 27 millóns por ser “o primeiro factor de igualdade territorial”. E detallou Carmela López Moreno que esa partida incluirá no 2026 a obra nova, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil. Nese sentido, valorou que a institución provincial daralle continuidade “ao mellor plan de estradas da historia da Deputación” posto en marcha este ano, baseado en criterios técnicos, “co que estamos a realizar neste 2025 máis de 100 actuacións en 52 concellos da provincia, sen distinción de cores políticas”. 


Máis investimento para o Plan Deputación e 13,5 millóns aos sectores produtivos 

Explicou a Deputada que só a través do Plan Deputación a institución mobilizarán no 2026 22,25 millóns, cun incremento respecto a este ano de 250.000 euros, cumprindo así co acordo de Goberno de subilo nun millón de euros este mandato. Ademais destacou entre as políticas de apoio aos municipios o Centro de Innovación Territorial, un proxecto “pioneiro” que contará con 850.000€ achegados entre a institución provincial e o Goberno de España para situar o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento. 

Por outra banda, a Deputación reserva para o 2026 13,5 millóns a políticas estratéxicas, que terán un impacto no sector primario, o comercio, a hostaleira e o turismo. Nese sentido, a Granxa Gayoso Castro contará cun investimento de 2 millóns; as políticas vencelladas ao turismo, subirán ata os 3,5 millóns; e a área de Medio Ambiente, outros 3,5 millóns. 


Declaración institucional polo 25N 

Aprobada ademais por unanimidade unha declaración institucional polo 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

A Deputación reafirma o seu compromiso “firme e irrenunciable” para erradicar a violencia exercida contra as mulleres e condena todas as formas de violencia machista, incluíndo a negociación ou a súa minimización. Nun ano no que van 38 mulleres asasinadas en todo o ano en todo o Estado Español, dúas delas en Galicia, a institución provincial mostra no texto o seu apoio ás vítimas, animando á cidadanía a actuar unida, rexeitando a violencia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias