REDACCIÓN | O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, inaugurou hoxe no Espazo ABANCA da Coruña o III Congreso Internacional de Protocolo e Organización de Eventos Deportivos, un encontro que xa se consolidou como unha referencia para profesionais do deporte e da organización de eventos a nivel estatal e internacional.
No seu discurso de apertura, Rioboo destacou a “aposta firme da Deputación pola profesionalización, a modernización e a excelencia” na organización de eventos deportivos. Subliñou que este avance é froito “dun esforzo colectivo que nos permitiu converter á provincia nun referente en planificación, protocolo e seguridade nas centos de citas deportivas que celebramos cada ano”.
O deputado puxo en valor o traballo dos equipos técnicos, do persoal de apoio, do voluntariado e das entidades colaboradoras, “pezas fundamentais dunha organización que aposta pola calidade, pola innovación e por experiencias deportivas cada vez máis completas, inclusivas e sostibles”. Rioboo lembrou que os eventos impulsados pola Deputación “non son só competicións, senón espazos que fomentan a igualdade, a participación e a promoción do territorio”, ademais de actuar como motor económico en colaboración cos concellos, federacións e clubes.
A programación do congreso, que se desenvolverá ao longo de catro xornadas, incluirá reflexións e mesas de traballo sobre innovación, sustentabilidade, seguridade, xestión de crises e o papel do voluntariado, temas que —segundo Rioboo— “encaixan plenamente co camiño que vimos percorrendo na Deputación”.
O deputado concluíu destacando que este encontro “é unha oportunidade para seguir afinando procedementos, anticipar retos e incorporar melloras”, e expresou a súa confianza en que o intercambio de ideas entre profesionais, institucións e empresas “permitirá seguir elevando o nivel dos eventos deportivos da nosa provincia”.