El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación reuniu o sector turístico na II edición da Gala de Turismo, que premiou cinco proxectos e traxectorias

27-11-2025 20:38:29
Xosé Regueira.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña reuniu hoxe no Porto de Oza – Marina Varadero ao sector turístico da provincia na segunda edición da Gala de Turismo, un encontro que continúa medrando e que xa se consolida como unha das citas anuais máis relevantes para profesionais, entidades e empresas vinculadas ao turismo coruñés. A gala serviu como espazo de recoñecemento, reflexión e impulso para un sector estratéxico que segue avanzando cara a un modelo máis sostible, competitivo e conectado coa identidade do territorio. 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou o papel do sector como motor de desenvolvemento económico e social na provincia, especialmente nos concellos rurais. “O turismo non é un capricho nin un fenómeno pasaxeiro: é unha estratexia de futuro, capaz de xerar emprego, fixar poboación e dinamizar os nosos territorios”, apuntou. 

Os proxectos e iniciativas recoñecidos hoxe representan “un modelo de turismo innovador, auténtico, de calidade e comprometido coa nosa terra”, subliñou Formoso, que lembrou que o sector turítico representa arredor do 13% do PIB galego e mantén 130.000 empregos. 

O presidente puxo tamén en valor o traballo da Deputación nos últimos anos para consolidar un modelo de turismo “sostible e desestacionalizado”, con acións como os Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), que suman máis de 8 millóns de euros de investimento; a recuperación da Vía Verde Compostela Tambre Lengüelle, a promoción do Camiño Inglés no Reino Unido, iniciativas como 'Os Fogóns do Anllóns' e a campaña 'A paisaxe que sabe'. 

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que “a II Gala de Turismo é unha oportunidade para seguir impulsando un modelo turístico comprometido co territorio, co conxunto da provincia e co seu futuro”. 

Regueira destacou que “o sector turístico coruñés avanza grazas ao traballo diario de persoas, entidades e proxectos que saben que o turismo só funciona cando é capaz de xerar unha dinámica positiva para a economía local”. 

Ademais, o vicepresidente fixo fincapé na importancia da identidade como sinal distintiva do turismo provincial, afirmando que “apostamos por poñer en valor o que somos: a autenticidade do noso territorio, a maneira en que se vive no rural, no mar ou na horta, a nosa cultura propia e a nosa lingua”. Engadiu que “todo iso conforma unha experiencia real, non artificiosa, que nos diferencia e que nos permite construír un turismo atractivo, sustentable e competitivo”. 

Canto ao sentido dos premios entregados na gala, Regueira lembrou que “estas distincións recoñecen iniciativas que demostran que innovación, calidade e sostibilidade son compatibles coa posta en valor da realidade da nosa terra”. Ao respecto, congratulouse polas “alianzas tecidas no territorio co sector, coas empresas e coas persoas implicadas no eido turístico”. 

Finalmente, concluíu que “o éxito do turismo na provincia non reside en copiar modelos alleos, senón en potenciar aquilo que nos fai únicos e en acompañar tanto os proxectos emerxentes como as traxectorias de toda unha vida”. 


Cinco premios que reflicten a diversidade e o talento do turismo coruñés 

O xurado estivo composto por catro profesionais do ámbito do turismo e da comunicación: a xornalista Ana Iglesias, a profesora da UDC María Elvira Lezcano González, o divulgador gastronómico Jorge Guitián Castromil e o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González Pardal. Este comité foi o encargado de avaliar as propostas presentadas desde toda a provincia e de seleccionar as cinco iniciativas recoñecidas nesta edición polos seus valores de innovación, identidade, desenvolvemento e traxectoria. 

O premio á Mellor iniciativa de innovación, calidade e sustentabilidade turística foi para Volta Montana, recoñecida pola súa aposta por experiencias responsables, innovadoras e de alta calidade. A deputada provincial Mónica Rodríguez entregou o galardón, que foi recollido por Micaela López e Cristina García Souto, en representación do equipo promotor. 

Na categoría de Mellor iniciativa de posta en valor da autenticidade do territorio, o recoñecemento recaeu en Chichalovers, unha empresa que promove a identidade e singularidade da provincia a través de accións culturais e turísticas que fortalecen o arraigo e a memoria colectiva. O deputado José Ramón Amado entregou o premio aos seus fundadores, Graciela e Darío. 

O galardón ao Mellor proxecto de turismo emerxente correspondeu ao Hotel Espazo Nature (Razo, Carballo), un proxecto que, malia a súa recente creación, xa se consolidou como un referente grazas á súa aposta por un turismo baseado na natureza, o benestar e a sostibilidade. A deputada Avia Veira entregou o premio, recollido por Laura Vázquez. 

O premio ao Mellor proxecto de turismo enogastronómico foi para A Artesa da Moza Crecha (Betanzos), recoñecendo o seu compromiso coa cociña local, o produto de proximidade e a posta en valor da cultura gastronómica da comarca do Mandeo. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, fixo entrega do galardón, que foi recollido por Paula Martínez e Lolo Mosteiro. 

Por último, o Premio á traxectoria – Toda unha vida dedicada ao turismo distinguiu a Carlos Rodríguez, profesor e secretario do CENP-Escola de Turismo da Coruña, cuxa carreira profesional contribuíu de maneira decisiva á formación e dignificación do sector turístico na provincia. O vicepresidente Xosé Regueira foi o encargado de entregarlle o recoñecemento. 


Unha edición que impulsa o futuro do turismo provincial 

A II Gala de Turismo da Deputación da Coruña concluíu cunha mensaxe unánime: o turismo provincial vive un momento de solidez, diversidade e capacidade de proxección. O compromiso institucional, xunto co esforzo das empresas, profesionais e iniciativas premiadas, evidencia a construción dun modelo turístico sostible, innovador e conectado coa realidade da provincia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias