REDACCIÓN | A Deputación da Coruña celebrará o sábado 13 a I Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo: Latinos e Danza Coreográfica, que terá lugar no Pazo dos Deportes de Riazor. Trátase dunha competición oficial que se desenvolverá baixo o regulamento vixente da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD) e que reunirá a deportistas federados das categorías xuvenil, júnior, youth, adulto e sénior, tanto en parellas como en single e grupos de danza coreográfica.
A institución provincial destaca que a incorporación desta disciplina ao calendario deportivo supón un paso máis na aposta por dar visibilidade e apoio a deportes minoritarios, ampliando o alcance da Copa Deputación a novas modalidades que contan cunha crecente participación e seguimento. O deputado de Deportes, Antonio Leira, subliñou que “a Deputación quere abrir espazos a todos os deportes, tamén aos menos coñecidos, garantindo que teñan a mesma oportunidade de medrar, chegar ao público e consolidarse no tempo”.
A competición contará cun panel de sete xuíces encargados de avaliar as coreografías conforme ao sistema skating nas categorías de parellas e single, e ao sistema AJS adaptado para a danza coreográfica. A Copa será puntuable para o ránking nacional e aplicarase unha escala de valoración entre 3 e 8 puntos, con intervalos de 0,25. As inscricións, gratuítas para todos os participantes, realizaranse a través da plataforma Pasos Baile Galicia ata o 5 de decembro, e a música das coreografías deberá remitirse antes do peche do prazo.
Sandra García, organizadora da competición e xerente da Escola de Danza UPA Un Paso Adelante de Narón, destacou o papel decisivo da Deputación na posta en marcha desta iniciativa. “A Deputación apoiou dende o primeiro momento esta proposta, sobre todo co obxectivo de dar visibilidade a deportes minoritarios. É un deporte máis descoñecido, pero iso non quere dicir que non haxa moita xente que o practique”. García subliñou tamén a relevancia de que a participación sexa gratuíta: “Neste tipo de eventos, o deportista paga por competir e o público paga entradas. A gratuidade é unha motivación extra e pode axudar a dar a coñecer este deporte a outro tipo de público”.
En canto ás expectativas de asistencia, a organización agarda reunir entre 250 e 300 deportistas, procedentes maioritariamente de Galicia, así como doutras comunidades de España e tamén de Portugal. “A parte máis importante é expoñer este deporte a un público que, ao velo, poida decidir apuntarse a unha escola de danza e empezar a practicalo”, explicou García, quen tamén salientou que a competición reunirá deportistas de alto nivel, incluídos campións do mundo nas súas modalidades.