REDACCIÓN | O Pazo dos Deportes de Riazor converterase este sábado na capital galega do baile deportivo coa celebración da I Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo, unha competición oficial nas modalidades de Latinos e Danza Coreográfica que reunirá máis de 300 bailaríns e bailarinas procedentes de toda España e tamén de Portugal. O evento, totalmente gratuíto para o público, desenvolverase entre as 10:30 e as 21:00 horas, coas probas da Copa Deputación programadas entre as 16:00 e as 19:00 horas.
A presentación tivo lugar hoxe na Deputación da Coruña e contou coa participación do presidente provincial, Valentín González Formoso; o deputado de Deportes, Antonio Leira; e a responsable da organización e xerente da escola de danza UPA Un Paso Adelante de Narón, Sandra García.
Formoso subliñou que a institución provincial mantén un compromiso firme con todos os deportes da provincia “desde os grandes equipos ata os clubs máis pequenos”, e lembrou que ás tradicionais Copas Deputación de fútbol, baloncesto ou balonmán “súmase agora esta nova Copa Deputación de Baile Deportivo, que aspira a dar visibilidade a unha disciplina espectacular e en pleno crecemento”.
O presidente provincial animou á cidadanía a achegarse este sábado ao pavillón de Riazor para desfrutar dun “espectáculo moi vistoso, que encherá o Pazo de música, enerxía e danza”, lembrando que tanto as inscricións como as entradas son “completamente gratuítas para fomentar a máxima participación e achegar este deporte ao gran público”.
A organizadora do evento, Sandra García{/strong}, puxo en valor que esta é “a primeira vez en Galicia que un evento destas características é gratuíto para o público”, e convidou á cidadanía a descubrir unha competición “única e sorprendente”. Explicou que ao longo da xornada se disputarán probas nas categorías standard, latinos e danza coreográfica, con participación en grupo, parellas e individuais, e salientou que entre os inscritos figuran parellas e grupos recoñecidos internacionalmente, incluíndo campións do mundo. “De 16:00 a 19:00 disputarase a Copa Deputación, así que ninguén o pode perder”, afirmou.
Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que “a Deputación quere abrir espazos a todos os deportes, tamén aos menos coñecidos, garantindo que teñan a mesma oportunidade de medrar, chegar ao público e consolidarse no tempo{/strong}”. A incorporación do baile deportivo ao calendario das Copas Deputación “permitirá dar un salto cualitativo na difusión dunha disciplina con moita base nas escolas de danza de toda a provincia e un alto nivel competitivo en Galicia{/strong}".
Copa puntuable para o ránking nacional
A competición desenvolverase baixo o regulamento da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD) e contará cun panel de sete xuíces encargados de avaliar as coreografías mediante o sistema skating, no caso de parellas e single, e o sistema AJS adaptado á danza coreográfica. A Copa será puntuable para o ránking nacional e aplicarase unha escala de valoración de entre 3 e 8 puntos con intervalos de 0,25.
As inscricións xa superaron a cifra dos 300 deportistas{/strong}, cunha participación maioritaria de bailaríns e bailarinas procedentes de Galicia, mais tamén doutras comunidades autónomas e de Portugal“. O máis importante é achegar este deporte a un público amplo e tal vez fomentar novas vocacións de bailaríns e bailarinas”{/strong}, concluíu Sandra García.