El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Ernesto González Valdés
Más noticias

A CORUÑA

A Coruña contará no 2026 cun orzamento de 375,3 millóns

Permitirá ao Concello reforzar os servizos públicos e os investimentos nos barrios.

30-12-2025 15:53:11
Pleno del Ayuntamiento coruñés.

REDACCIÓN | Máis investimentos nos barrios, reforzo dos servizos públicos e un novo pulo ás políticas de benestar social, vivenda e mobilidade sostible vertebran os Orzamentos Municipais 2026 na Coruña, que hoxe foron aprobados inicialmente no Pleno do Concello. 

As cifras do vindeiro exercicio recibiron o voto a favor do Goberno local e do grupo municipal do BNG, que onte asinaron o acordo político para abrir camiño á aprobación dos orzamentos, que agora avanzan nos trámites previos habituais á súa entrada en vigor. 

Tal e como precisou esta mañá o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, “son uns orzamentos expansivos, pensados para ter mellores servizos, potenciar o tecido económico da nosa cidade, completar e mellorar os equipamentos públicos e contribuír a humanizar a calidade urbana da nosa cidade”. 

Neste sentido, un dos principais eixos de actuación polos que apostará o Goberno de Inés Rey será o reforzo do escudo social da cidade, cun incremento de partidas nos programas municipais que, en termos globais, supón que o Concello pasa de destinar 32 millóns en investimentos sociais a un total de 42. Este aumento será visible, por exemplo, no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) —cun incremento de dous millóns—, as bolsas comedor e o bono taxi. Ademais, recupéranse os Orzamentos Participativos, dotados con 2,6 millóns.  


Investimentos clave en proxectos estratéxicos e equipamentos públicos 

Noutra orde de asuntos, os Orzamentos Municipais 2026, prevén partidas clave para proxectos fundamentais no futuro da cidade. É o caso da Cidade das TIC, que contará cun investimento de máis de 4 millóns de euros a través do convenio subscrito coa UDC e outras actuacións colaborativas. Ademais, no próximo exercicio tamén se incorporará unha dotación específica para elaborar un Plan Director para a Cidade das TIC, que deberá estar rematado antes do ano 2026, e que axudará a definir as liñas de acción a medio e longo prazo neste novo polo tecnolóxico e de innovación en Pedralonga. 

Ademais, os orzamentos do 2026 tamén recollen fondos para impulsar o Plan Estratéxico da Coruña 2030-2050, así como as partidas necesarias para dar continuidade ao proxecto Coruña Marítima, ao abeiro da transformación progresiva da fachada portuaria, que avanza agora coa despedida de Repsol aos peiraos de San Diego. Inclúese tamén o acceso ao Novo CHUAC. 

A maiores, impulsaranse os equipamentos públicos, mellorando os xa existentes e construíndo outros novos, cunha partida de 18,6 millóns que permitirá rehabilitar o edificio A Terraza de Méndez Núñez, acometer o proxecto de renovación do Fórum Metropolitano, as novas dependencias municipais na fábrica de Tabacos, as novas bibliotecas e aulas dixitais de Palavea e Novo Mesoiro, o futuro espazo multiusos da Bágoa de San Roque, a segunda fase do parque do Observatorio e costear as achegas do Concello para construír o novo centro de saúde de Santa Lucía. 

O Concello prevé tamén unha dotación de 7 millóns para dar continuidade ás actuacións incluídas no Plan de Instalacións Deportivas Municipais 2025-2027, así como máis fondos destinados ao Plan de Mellora de Recintos Culturais, con especial atención ao Teatro Rosalía e ao Fórum e co incremento de recursos para a Escola Municipal de Música. Ademais, apórtanse 4 millóns de euros para a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).  


Máis medidas en materia de vivenda 

No Pleno desta mañá, o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, avanzou tamén que “as políticas municipais de vivenda van ser prioritarias e iso será palpable tamén no 2026. Por iso temos previsto reforzar EMVSA e darlle novas encomendas de xestión de bolsa de vivenda, para que EMVSA xestione desde o ano que vén 500 vivendas públicas, número que seguirá a crecer, cunha dotación para ese fin de 1,5 millóns de euros”. 

Ademais, tamén está previsto reforzar o servizo de Urbanismo para avanzar na regularización das VUT no termo municipal, e, en paralelo, incrementar os fondos destinados a accesibilidade e rehabilitación. 


58 millóns de euros en investimentos nos barrios 

Outro dos eixos vitais na configuración destes Orzamentos foron as melloras nos barrios. Lage Tuñas apuntou no Pleno desta mañá que o Concello “xa ten en marcha a primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, con máis de 330 actuacións previstas nos dez distritos da cidade e cun investimento aproximado de 125 millóns de euros”. 

Agora, este Plan seguirá avanzando no vindeiro ano “e farémolo poñendo en marcha investimentos en todos e cada un dos distritos da nosa cidade, non só investindo os fondos reflectidos no orzamento plurianual aprobado o ano pasado, senón reforzándoo cos máis de sete millóns de euros que neste exercicio dedicamos a investimentos”. En total, o Goberno de Inés Rey prevé destinar 58 millóns ás actuacións de mellora nos dez distritos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias