REDACCIÓN | O pleno extraordinario para a aprobación do orzamento do 2026 aprobou cos votos favor do Goberno o documento económico, que ascende a 97.164.911,85 euros, un 5,71% máis que as cifras do orzamento do ano 2025 e increméntase un 23,2% respecto do exercicio do ano 2023, converténdose no orzamento máis elevado da historia da cidade.
No transcurso do segundo punto da sesión produciuse un problema técnico no equipo de son, que obrigou a un receso, tras o cal reanudouse o pleno coa ausencia dos grupos da oposición.
A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, recordou que é o cuarto orzamento do actual mandato aprobado en tempo e forma. “Unha xestión económica seria e solvente, que permite ao Concello comezar o ano coas contas feitas e coa planificación necesaria para avanzar tanto no día a día como nos grandes proxectos de cidade”.
Sanjurjo explicou que as dúas reclamacións presentadas ao orzamento non se axustan aos supostos legalmente establecidos, polo que non son susceptibles de admitirse a trámite. A primeira, as presentadas polo grupo municipal do BNG porque recolle solicitudes de reducción de ingresos ou ben de inclusión de novos gastos. “Non especifica en xeral a forma de financiación”, apuntou a edila, de xeito que a redución de ingresos xunto co aumento de máis gastos “quebraría o equilibrio presupostario, que é obligatorio”. A segunda foi a presentada por un funcionario do corpo de bombeiros e refírese ao procedemento de tramitación da RTP. A concelleira recordou que “o procedemento de tramitación da RPT é un procedemento diferente e independente da aprobación dos orzamentos”, e insistiu en que “a RPT contou co apoio maioritario dos sindicatos”.
Tras estas aclaracións, a concelleira de Facenda subliñou que “Ferrol conta xa con catro orzamentos consecutivos neste mandato, o que non é habitual e demostra unha clara vontade de gobernar con estabilidade, planificación e visión de futuro”. E insistiu que “o Goberno municipal está aquí para traballar polos ferroláns e ferrolás, fomos elixidos para facer de Ferrol unha cidade de oportunidades, unha cidade que medra e que mira ao futuro con ambición e responsabilidade”, concluíu.
Tras a súa aprobación definitiva, o orzamento do 2026 será remitido o xoves ao Boletín Oficial da Provincia, polo que se prevé a súa entrada en vigor nos próximos días.