REDACCIÓN | A Biblioteca Provincial acolleu este sábado a xornada de traballo ‘Falarmos Nós’, unha iniciativa impulsada pola Área de Lingua da Deputación coa que se pretende poñer en marcha unha rede provincial de grupos de conversa en galego. Trátase dun sistema interconectado de espazos que buscan fomentar o uso oral da lingua entre persoas que a coñecen pero non a empregan habitualmente, ben por falta de apoio no seu entorno social ou ben por seren persoas chegadas de fóra que aínda están en proceso de aprendizaxe.A deputada de Lingua, Sol Agra, explica que os grups de conversa son unha ferramenta «sinxela, pero moi poderosa, porque xeran contornas seguras nas que perder o medo a falar e recuperar a confianza no uso do galego, fóra de contextos formais ou académicos».A xornada contou coa participación de quince persoas, que exercen como coordinadoras dos grupos de conversa, con dúas responsables por cada grupo. O proxecto prevé a creación de ata doce grupos, aínda que nesta primeira fase comezarán a funcionar sete, que servirán como punto de partida dunha rede que aspira a medrar progresivamente no conxunto da provincia.A deputada de Lingua aclara que «os grupos de conversa están concibidos como espazos de uso do galego e non como clases de lingua. Non se impartirán contidos gramaticais nin lingüísticos, senón que se fomentará a práctica da conversa nun ambiente seguro e participativo».Estes grupos están dirixidos tanto a persoas que saben falar galego pero non o usan de maneira habitual nas súas interaccións sociais como a persoas que se atopan nun proceso de adquisición da competencia oral e contan cunha boa capacidade de comprensión e de expresión básica. O obxectivo final é incrementar o uso da lingua galega nas relacións sociais cotiás, máis alá do propio ámbito do grupo de conversa.A rede está aberta á participación de entidades da Administración pública local, como servizos de normalización lingüística ou bibliotecas municipais, así como entidades sociais, independentemente do seu ámbito de actuación.