El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación apoia con 100.000 euros o traballo do Banco de Alimentos da Coruña

19-01-2026 13:55:25
Valentín González Formoso (e).

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña e o Banco de Alimentos da Coruña asinaron hoxe un acordo polo que a institución provincial lle concede á entidade unha subvención de 100.000 euros para apoiar a compra de alimentos de primeira necesidade e a contratación de persoal que garanta o bo funcionamento do banco de alimentos. O acordo foi rubricado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da entidade, Manuel Mora, no Pazo Provincial. 

O Banco de Alimentos da provincia da Coruña é unha entidade sen ánimo de lucro que, segundo os seus estatutos, ten como finalidade principal recadar alimentos da sociedade, especialmente excedentes alimentarios, almacenalos e doalos posteriormente a institucións e centros asistenciais da provincia que acrediten a súa necesidade. A través desta labor solidaria, a entidade atende ás persoas e familias cuxa situación de dependencia económica está recoñecida polas autoridades competentes, promovendo ao mesmo tempo a participación do voluntariado. 

O convenio conta cun orzamento total de 138.221,15 euros, que inclúe tanto a compra de alimentos como os gastos de persoal necesarios para o desenvolvemento da actividade. A Deputación da Coruña achegará ata un máximo de 100.000 euros, o que supón máis do 72% do financiamento total. 

Esta colaboración resulta “especialmente relevante”, destacou Formoso, nun contexto social no que Galicia presenta unha taxa AROPE, indicador de risco de pobreza ou exclusión social do 18,8%, segundo os últimos datos de 2024 . O Banco de Alimentos repartiu o ano pasado un total de 1.710.726 quilos e litros de alimentos a través de 119 entidades colaboradoras, chegando a 24.669 persoas beneficiarias en toda a provincia. 

O presidente provincial destacou a importancia deste convenio como unha ferramenta clave para reforzar a cohesión social na provincia e apoiar ás persoas que máis o precisan. Subliñou que a achega da Deputación permite asegurar a continuidade dun servizo básico e de alto impacto social, indicando que “con este apoio económico contribuímos a que miles de familias teñan acceso a alimentos de primeira necesidade e a que a entidade conte cos medios humanos necesarios para desenvolver o seu traballo con eficacia e dignidade”. 

Para rematar, puxo tamén en valor o compromiso do goberno provincial co terceiro sector, afirmando que “desde a Deputación da Coruña entendemos que a colaboración coas entidades sociais é fundamental para dar respostas reais e próximas ás necesidades da cidadanía, complementando a acción pública e fortalecendo a rede de solidariedade na nosa provincia”. 

Pola súa banda, Mora agradeceu ao presidente da Deputación “o seu compromiso coas persoas que máis o precisan da provincia”, destacando “a gran sensibilidade coas cuestións sociais” que demostra a Deputación.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias