El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Coruña acollerá os días 4 e 5 de febreiro o Cumio Internacional REAIM 2026

20-01-2026 13:00:07
Valentín González Formoso (2d).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe, no Pazo da Capitanía, na presentación do III Cumio Internacional sobre o Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar (REAIM 2026), que se celebrará os días 4 e 5 de febreiro no PALEXCO da Coruña. O acto contou tamén coa participación da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce; do director xeral do Centro de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CESTIC), o tenente xeral José María Millán Martínez; e do primeiro tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas. 

Durante a súa intervención, Valentín González Formoso puxo o acento na importancia de abordar o desenvolvemento da intelixencia artificial desde unha perspectiva compartida, responsable e internacional. O presidente provincial afirmou que “a participación internacional, a posta en común dos riscos e tamén dos valores positivos que ten esta ferramenta é importantísima”, e incidiu en que este proceso debe facerse “desde a humildade”, reforzando os mecanismos de supervisión. Nese sentido, sinalou que “hai que reforzar máis os controis, o control humano da ferramenta, a cogobernanza global e os foros de reflexión”. 

Formoso cualificou a celebración desta terceira edición do cumio, promovida polo Ministerio de Defensa tras as citas anteriores de Seúl e A Haia, como “un acerto” e mesmo como “unha proeza internacional, dado o momento no que vivimos”. Destacou que durante eses días A Coruña e a provincia acollerán “mandatarios internacionais, altos mandos militares e grandes empresas tecnolóxicas que son corresponsables da evolución desta ferramenta”, subliñando que todo isto é posible “grazas á labor que fai o Ministerio de Defensa”. 


Importancia do emprego do sector da defensa na provincia 

No ámbito económico e industrial, o presidente da Deputación puxo en valor o impacto crecente do sector da defensa na economía provincial, lembrando que “a día de hoxe, o 21% do emprego industrial da provincia depende xa da defensa”. Segundo explicou, trátase dun salto moi significativo que se materializa en grandes contratos no sector naval militar. 

“Estamos falando de máis de 8.500 millóns de euros de investimento coa construción das fragatas F-110, a modernización das F-100 ou a construción do buque de aprovisionamento en combate (BAC), proxectos que ocupan as gradas de Navantia Ferrol e que se traducen en miles de empregos cualificados durante anos”, indicou. 

Formoso tamén fixo referencia a outros proxectos estratéxicos que se desenvolven no interior da provincia, destacando os contratos coa empresa galega Urovesa. O presidente salientou “o orgullo que sentimos os galegos e galegas por unha firma que é a única de camións que queda 100% nacional” e lembrou que o último contrato acada “321 millóns de euros, ademais da contratación de 100 vehículos de exploración e recoñecemento de última xeración por parte do Ministerio de Defensa”.  


A AESIA, motor de futuro tecnolóxico 

Así mesmo, Formoso destacou a importancia de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) teña a súa sede na cidade da Coruña. Segundo afirmou, trátase dunha iniciativa que representa “a esperanza de futuro de sectores como o audiovisual ou o tecnolóxico en toda Galicia”, destacando “a xenerosidade e a axilidade do Ministerio” nun proxecto “xa concretado e plenamente operativo, que se pode comprobar in situ”, en referencia á Cidade das TIC. 

Na parte final da súa intervención, o presidente da Deputación quixo agradecer expresamente que se conte coa provincia e coa cidade da Coruña para acoller unha cita deste nivel internacional. “Non vos imos defraudar”, asegurou, ao tempo que chamou á reflexión colectiva sobre a importancia da defensa. “A defensa é un piar básico da sociedade deste país, onde nunca hai que baixar a garda na súa aposta, na súa modernización e no seu apoio social”, afirmou, agradecendo tamén “a implicación coa sociedade” por parte do Ministerio. 

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, destacou que España é hoxe a sétima potencia mundial en intelixencia artificial, froito dun investimento anual de 1.500 millóns de euros na aplicación desta tecnoloxía. 

Valcarce explicou que o III Cumio REAIM 2026 converterá a Coruña nun punto de encontro internacional para debater sobre os retos, riscos e oportunidades da intelixencia artificial no ámbito militar, reunindo 25 delegacións internacionais e a máis de 600 congresistas procedentes de todo o mundo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias