REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclama que a Comisión Europea atenda as demandas da frota pesqueira artesanal galega e flexibilice o regulamento de control e pide ao Ministerio de Pesca “que non ceda diante da política de absolutamente destrozar o sector pesqueiro galego, que é o que está facendo a Comisión Europea, que é do Partido Popular igual que o Comisario”.
“O BNG voltamos a esixir que se flexibilice o regulamento de control de pesca, tal como foi pedido polo sector pesqueiro e marisqueiro galego durante as pasadas semanas nesas mobilizacións que houbo nos portos galegos”, subliña a eurodeputada do Bloque, en referencia ao Consello de Ministros de Pesca e Agricultura que hoxe se celebra en Bruxelas e na que a Secretaria Xeral de Pesca reunirase co Comisario de Pesca, Costas Kadis.
Segundo defende a eurodeputada galega, nesa reunión “teñen que esixir e trasladar esas demandas que piden os mariñeiros galegos e que pide o sector pesqueiro, que é que se cumpran unhas medidas realistas”, xa que ao seu xuízo, as normas do regulamento de control de pesca “non poden ser cumpridas por parte da frota pesqueira artesanal galega”.
“Nós, desde o BNG, tal como pediu xa a nosa portavoz de Pesca no Parlamento Galego, Rosana Pérez, o que esiximos e que se exclúa a frota pesqueira artesanal do regulamento de control”, lembra Ana Miranda, ao tempo que reitera o seu compromiso seguir “batallando en Bruxelas como eurodeputada galega na Comisión de Pesca por esta cuestión”.
Longa batalla
Precisamente a eurodeputada do BNG vén de remitir unha carta á Directora Xeral de Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, na que lle explica a importancia de que o regulamento de control de pesca recolla as singularidades do sector pesqueiro galego, de forma que a pesca galega non siga sendo discriminada. Esta posición é coherente coa oposición ao regulamento de control, ao votar en contra no pleno de outubro de 2023.