El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE LUGO

A Deputación demandará á Xunta e ao Goberno que defendan os intereses dos gandeiros fronte o acordo con Mercosur

27-01-2026 12:58:07
Carmela López (c).

REDACCIÓN | O Pleno Ordinario da Deputación de Lugo acordou hoxe esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado que defendan os intereses dos gandeiros fronte ao acordo con Mercosur. Así se acordou na sesión deste mes tras o debate dunha moción socialista para garantir, no caso de que chegue a asinarse, unha aplicación responsable do pacto comercial entre a Unión Europea e os países suramericanos. A iniciativa, que se debateu xunto a outras dúas propostas dos diferentes grupos políticos, contou cos votos a favor do PSdeG, a abstención do PP e os votos en contra do BNG. 

Valorou a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, antes da sesión plenaria que o novo escenario que se abrirá para o sector gandeiro “debe ser abordado con rigor, responsabilidade e firmeza política desde todas as institucións, ante o impacto directo que terá no sector primario”. Destacou nese sentido, que a provincia de Lugo é un territorio con forte dependencia da gandería e do agro e que polo tanto a apertura comercial “debe ir acompañada de garantías efectivas”. 

Nese sentido, o Deputado Xosé María Arias, argumentou que aínda que o volume de importacións cárnicas autorizado polo acordo representa unha porcentaxe reducida da produción comunitaria -1,5% no caso do vacún; 1,3% nas aves e un 0,1% no porcino- unha aplicación desequilibrada e sen os controis necesarios pode ter efectos moi negativos na renda das explotacións gandeiras. Polo que o que si é moi importante, recalcou Arias, é “activar mecanismos de salvagarda efectivos, mellorar os controis e garantir unha reciprocidade real”. 

O texto da moción recolle algúns deses mecanismos de protección, que pasan por reforzar os controis fronteirizos e garantir o cumprimento dos estándares europeos; activar cláusulas de salvagarda de forma áxil e efectiva; promover a diferenciación da carne galega; establecer medidas específicas de apoio ao sector gandeiro galego; apoiar unha estratexia de autosuficiencia alimentaria; e demandar unha Política Agraria Común (PAC) forte e reforzada. 


Demandar á Xunta que suba os fondos do SAF 

O Pleno ordinario celebrado este martes aprobou tamén unha proposta de Goberno para reclamar á Xunta que suba os fondos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ata asumir o seu custe real e tal e como reclaman os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A iniciativa contou cos votos a favor do PSdeG e o BNG e cos votos en contra do PP. 

Carmela López valorou que “os servizos sociais son un eixo fundamental para a nosa provincia; e a atención aos maiores é, ademais dun dereito individual, unha ferramenta para loitar contra a despoboación no rural”. Insistiu ademais en que todo o peso do mantemento deste servizo tan básico “está a recaer nos gobernos municipais”. 

O texto recolle ademais que o Executivo autonómico escoite as demandas dos concellos acerca do impacto do SAF nas facendas locais e presente un plan de choque para garantir a prestación universal do servizo; a capacidade orzamentaria dos concellos, de xeito que a cobertura do SAF non ameace con colapsar calquera outra actividade ou investimento; que a achega da Xunta sexa, como mínimo, o que reclaman os concellos a través da Fegamp; ou que a Xunta renunciará á política de impoñer sancións aos concellos pos supostas irregularidades na prestación do servizo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias