El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Ernesto González Valdés
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso destaca en REAIM 2026 a industria de defensa como motor de innovación, talento e emprego na provincia

04-02-2026 14:42:32
Valentín González Formoso (4e).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no acto de inauguración da III Cumio Internacional sobre o Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar, REAIM 2026, que se celebra na Coruña coa participación de gobernos, organismos internacionais, Forzas Armadas, industria, comunidade científica e académica. 

Durante a súa intervención, Formoso subliñou que a celebración deste cumio internacional na Coruña non é casual, senón froito da consolidación de Galicia e, en particular, da provincia da Coruña como un territorio estratéxico na industria de defensa, na innovación tecnolóxica e na xeración de talento altamente cualificado. 

O presidente provincial destacou a elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) como un recoñecemento a un ecosistema real e consolidado que combina coñecemento, capacidade tecnolóxica e compromiso para garantir un desenvolvemento da IA baixo control humano, seguridade xurídica e principios éticos sólidos. 

Formoso puxo como exemplo a comarca de Ferrolterra, onde a inversión do Goberno de España no sector naval, con máis de 8.500 millóns de euros ligados a programas estratéxicos como a construción das fragatas F-110, a modernización das F-100 ou os proxectos de xemelgo dixital, está a marcar “un antes e un despois” tanto na capacidade defensiva do país como na creación de emprego cualificado, na enxeñaría avanzada, na dixitalización, na ciberseguridade e na aplicación da intelixencia artificial. 

“Nestes proxectos vese con claridade que a industria de defensa é tamén industria de coñecemento, innovación e futuro, capaz de reter talento, atraer investimento e ofrecer oportunidades profesionais estables ás novas xeracións”, afirmou. 

O presidente da Deputación defendeu que a inversión en defensa, cando se orienta desde a responsabilidade, non é só unha cuestión de seguridade, senón tamén unha palanca de desenvolvemento territorial, creación de emprego e progreso económico. 

Neste contexto, destacou a importancia de REAIM 2026 como foro internacional para abordar con rigor os retos que presenta a intelixencia artificial aplicada ao ámbito militar, combinando innovación tecnolóxica, respecto ao dereito internacional, seguridade xurídica e valores democráticos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias