El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Ernesto González Valdés
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación pon en valor o produto local e a cociña atlántica na primeira xornada de HIP

16-02-2026 18:17:12
A Deputación da Coruña, en HIP.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña estreouse hoxe en HIP–Horeca Professional Expo, cunha primeira xornada centrada na cociña en directo, as presentacións de produto e os obradoiros de harmonías dirixidos ao público profesional. Baixo o paraugas da campaña ‘A paisaxe que sabe’, a cociña atlántica conquistou o público profesional que se achegou ao posto da institución provincial. 

Parte dese interese debeuse tamén a que algúns dos pratos presentados son reinterpretacións de elaboracións tradicionais da gastronomía galega, levadas a outro nivel por cociñeiros e cociñeiras de primeira categoría. A institución provincial acode a HIP con tres restaurantes —un deles con estrela Michelín— e nove representantes da cadea de produción e distribución de alimentos da provincia, configurando unha mostra ampla do potencial enogastronómico coruñés.  


Representación da cadea de valor enogastronómica 

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, explicou que esta primeira presenza en HIP permite amosar «unha representación da cadea de valor enogastronómica da nosa provincia». «Trouxemos a Madrid tres bos restaurantes: hoxe estivo connosco Beatriz Sotelo, de Illas Gabeiras, mañá estará As Garzas e o mércores estará Miga», sinalou, en referencia aos establecementos que protagonizan as demostracións culinarias das tres xornadas.  

Ademais da restauración, o vicepresidente subliñou a presenza do sector produtor e distribuidor, nove empresas en total, que acompañan a Deputación nesta edición. Segundo destacou, trátase de produtos «de altísima calidade» que amosan o potencial da campaña ‘A paisaxe que sabe’, na que a institución provincial continúa a traballar como eixo da súa estratexia de promoción.  


A eclipse solar, eixo da acción turística en 2026  

Regueira engadiu que o posto da Deputación tamén «reflicte, dalgunha maneira, a actividade turística que será o centro da nosa acción neste ano 2026», vinculada á eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Definiu este fenómeno como «único, que só pasa unha vez na vida dunha persoa» e salientou que poderá gozarse de maneira especial na provincia da Coruña, que conta con dous Destinos Starlight: A Costa da Morte e As Mariñas Coruñesas. 


Resumo da primeira xornada  

Ao longo da mañá e da tarde sucedéronse as presentacións e degustacións protagonizadas por produtores da provincia e o showcooking de Beatriz Sotelo, do restaurante Illas Gabeiras de Ferrol, que elaborou mexillón de Lorbé con escabeche suave e fabas con ameixas e alga codium. A programación completouse cun taller de harmonías conducido polo sumiller Alejandro Paadín e con novas degustacións de produto, configurando unha mostra diversa da cadea agroalimentaria coruñesa no recinto feiral de IFEMA.  

A programación continuará mañá martes, día 17, cun esquema similar que volverá combinar almorzos, presentacións de produto, showcookings e harmonías no posto provincial. A xornada abrirá ás 11:00 cun almorzo con galletas Martietas de Fío, de Bergondo, seguido ás 12:00 da presentación e degustación de Empanadas Ternura, da Coruña, e ás 13:00 da proposta de xudión con nécora de Laxe de La Despensa D’Lujo, de Coristanco.  

Ás 14:00 e ás 16:00 será a quenda do restaurante As Garzas (1* Michelín), de Barizo (Malpica de Bergantiños), co showcooking a cargo de Eva Fares e Xurxo Agrasar, que elaborarán porro confitado con salsa holandesa afumada e chícharo bágoa de Coristanco con pilpil de algas. Entre ambas sesións, ás 15:00, desenvolverase un taller de harmonías conducido por Alejandro Paadín, centrado nos viños da IXP Barbanza e Iria e nas conservas de A Conserveira.  

A xornada pecharase ás 17:00 coa presentación e degustación de navallas ao alliño de A Conserveira de Ribeira maridadas con Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela, e ás 18:00 cunha nova degustación de lacón asado de porco celta de Cien por Cel, de Santiago de Compostela.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias