El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón, ante o arquivo de Altri: "É un gran triunfo da cidadanía"

20-02-2026 14:45:27
Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional considerou o arquivo do expediente da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei “un gran triunfo da cidadanía” e “a derrota dun Goberno do Partido Popular que só ofrece franquismo industrial” e que “defendía o espolio dos recursos galegos e a contaminación do territorio”, poñendo por diante os intereses dunha empresa portuguesa “por riba da xente do medio rural e da xente do mar”. 

“É un gran día para Galiza porque estamos ante un gran triunfo da cidadanía”, recalcou en rolda de prensa Pontón, quen puxo en valor a presión social en comarcas como as da Ulloa ou Arzúa ou na Arousa e a dos “milleiros de galegos e galegas” que se mobilizaron “en contra da bomba ambiental de Altri” sen renderse nunca, “desmontando todas e cada unha das mentiras e das falacias do PP”.  

“Hoxe podemos dicir que o pobo é quen máis ordena porque o pobo galego dixo alto e claro ‘Altri non, Galiza si’”, sintetizou, para apuntar a continuación que esta é tamén “a derrota dun Goberno de Rueda que defendía o espolio” dos recursos do País e a contaminación do territorio galego “por riba das persoas. Un Executivo, afondou, que “quería poñer os intereses de Altri por riba da xente do medio rural e da xente do mar”. 

A portavoz do BNG incidiu en que esta é a derrota dun Goberno do PP que “só ofrece o franquismo industrial das macrocelulosas” e que non ten máis alternativa industrial para Galiza que “recoller aqueles proxectos que ninguén quere”. 

Neste sentido, recordou que Rueda aínda a día de hoxe foi incapaz de responder a unha pregunta moi clara e moi concreta. “Se Altri era tan boa, por que non a querían en Portugal?”, cuestionou, para sinalar que Galiza “precisa proxectos industriais que sexa de futuro, de vangarda, que coiden o medio ambiente e que xeren realmente riqueza, emprego e futuro no País”. Xusto o contrario, advertiu, do que significaba a macrocelulosa da pasteira lusa. 

Pontón destacou a capacidade da mobilización social que “logra cambiar as cousas” fronte aos que din que mobilizarse non vale para nada e, neste sentido, indicou que co arquivo do expediente de Altri queda demostrado que “a mobilización é clave para torcer o pulso a un goberno que quería poñer por diante os interess dunha empresa”. “O pobo galego torceu o pulso ao goberno do Partido Popular dicindo alto e claro que non quere un proxecto que sería unha hipoteca para o noso futuro”, resumiu. 

Nesta liña, afirmou que foron as veciñas e os veciños das comarcas afectadas, as plataformas en defensa do territorio, o tecido asociativo, os sectores marisqueiro e agrogandeiro, xunto ás miles de persoas mobilizadas nas rúas, os que conseguiron “situar no centro do debate político, no centro da axenda pública” o que representaría Altri para o País. “A súa forza foi vital para poder pechar un proxecto que era nefasto para o noso futuro, vimos durante todo este tempo unha resposta social exemplar”, subliñou. 

De igual xeito, tamén amosou o seu orgullo polo papel xogado polo BNG, que en canto coñeceu realmente a dimensión e o alcance da macrocelulosa proxectada, “man a man coa cidadanía”, levou as institucións o debate que había na rúa, trasladando ao Parlamento a petición de que non se continuara co proxecto e tamén advertindo ao Goberno central que “apoiar Altri significaba a retirada de calquera apoio” por parte do Bloque. 

“Dixemos alto e claro que non estabamos dispostos a aceptar unha bomba ambiental que significaba unha hipoteca non só desta xeración, senón das que veñen atrás”, lembrou para poñer en valor o papel da organización nacionalista á hora de dar voz á cidadanía. “Fomos a voz de todos eses galegos e galegas que compartían a necesidade de frear Altri”, resumiu. 

A líder nacionalista asegurou que todo o vivido ao longo destes dous últimos anos “demostra a madurez democrática de Galiza”, cunha cidadanía que se mobilizou, pero que tamén se informou e analizou documentación técnica, para logo cuestionar “o relato simplificador” dun PP que pretendía reducir o debate a unha dicotomía entre emprego e ecoloxía. 

Un debate que fai moito tempo que está superado, afondou, porque todo o mundo sabe que “non vai haber un modelo produtivo de futuro se non se ten en conta o coidado e o respecto ao medio ambiente”. 

Neste sentido, indicou que o que hai detrás do debate sobre Altri é tamén un debate sobre o modelo e o proxecto de País que ten cada forza política e no que o PP xa demostrou que “quería converter Galiza nun gran eucaliptal ao servizo de todo o conglomerado das celulosas”, mentres que o BNG representa unha alternativa que aposta por un modelo industrial “sostible, que aposta pola ciencia, pola vangarda, pola innovación” e que defende todo o potencial que teñen os sectores produtivos galegos.  

Unha alternativa, incidiu, que defende empresas e industrias de futuro en Galiza “e non o pasado industrial das macrocelulosas, que era o que quería impoñer o Partido Popular. 

Logo de alegar que o arquivo do proxecto contaminante de Altri “evidencia que a presión sostida condiciona as decisións de grande alcance”, Pontón advertiu que este triunfo da xente “non é unha concesión do Partido Popular”, senón o resultado “dunha mobilización social constante, diversa e plural” e da presión política do BNG en todas as institucións, enviando a nítida mensaxe de que “o desenvolvemento industrial debe ser compatible coa protección do territorio e cos intereses da xente que vive no País”. 

“En definitiva, hoxe gañamos unha batalla importante; venceu a dignidade fronte á cobiza, venceu o sentido común fronte aos que cren que poden espoliar Galiza, venceu a forza da xente fronte a un goberno débil do Partido Popular que demostrou que lle importaban máis os intereses dunha pasteira que o que lle estaba dicindo a xente deste País”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias