El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso destaca en Ordes que o Plan Único investiu 252 millóns e financiou case 1.300 obras nos concellos da comarca de Santiago

Ordes recibiu máis de 15,4 millóns desde a creación do plan e financiou 54 obras no municipio.

05-03-2026 16:47:09
Valentín González Formoso (4d).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron hoxe o Concello de Ordes, onde foron recibidos polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, e polos portavoces dos grupos municipais da corporación. No salón de plenos mantiveron un encontro institucional no que explicaron a importancia e fixeron balance do impacto do Plan Único (POS+) nos concellos da comarca de Santiago.  

Durante a reunión, Formoso destacou que o Plan Único consolidouse como “a principal ferramenta inversora da Deputación nos concellos” e subliñou que o modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos provinciais, tanto para executar obras como para reforzar servizos municipais ou impulsar programas sociais. 

O presidente provincial salientou que a primeira achega do POS+2026 supón unha inxección de 25,3 millóns de euros para os concellos da comarca de Santiago, incluindo “investimentos que permiten mellorar infraestruturas básicas, renovar servizos municipais e atender necesidades sociais, pero tamén de garantir o funcionamento diario dos concellos e a calidade de vida da veciñanza”, afirmou.  

Formoso lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e sinalou que só a través do Plan Único, a Deputación investiu o pasado 138 millóns nos concellos da provincia da Coruña, 20 millóns que a Xunta de Galicia nos 313 concellos galegos a través do Fondo de Cooperación Local.  

Por iso, reclamou á administración autonómica que incremente este fondo ata acadar un mínimo de 200 millóns de euros para reforzar a capacidade financeira dos municipios. “Estamos pasando un momento económico difícil para os concellos. O incremento do custe dos servizos é importante e creo que todos temos que facer un esforzo neste ámbito”, subliñou o presidente, que afirmou que isto é visible en que os concellos destinan cada vez unha maior parte dos fondos do POS+ a gasto corrente: “os alcaldes e alcaldesas, que teñen a aspiración de dedicar o 100% dos fondos do POS a investimentos tanxibles como beirarrúas, unha humanización, unha escola infantil ou unha biblioteca teñen cada vez menos marxe para facer iso e teñen que adicar máis a gasto corrente. Esa é a fotografía na maioría dos concellos da provincia”, afirmou.  

O presidente destacou tamén que o impacto do Plan Único na comarca é xa moi significativo. Desde a súa posta en marcha, mobilizou máis de 252,2 millóns de euros e permitiu executar 1.294 obras nos municipios da comarca de Santiago, converténdose nunha ferramenta clave para o desenvolvemento local e a mellora dos servizos públicos municipais. 


Ordes recibiu máis de 15,4 millóns de euros do Plan Único 

Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, destacou que o POS+ ten unha gran importancia para concellos de diferentes tamaños e permite atender necesidades moi diversas. “A creación do Plan Único foi un cambio de paradigma e da forma de entender a colaboración municipal. É un plan que aposta pola autonomía municipal e que sabe adaptarse ás necesidades concretas de cada concello”, apuntou. 

“Ademáis das obras, o Plan Único permite financiar gasto corrente nun momento no que os concellos estamos ao límite e sobre todo os máis pequenos. Porque é un plan moi importante para todos os concellos pero seguramente concellos como Frades ou Dodro sexa unha ferramenta proporcionalmente máis importante, que marque máis a diferencia”, sinalou Cristina García. 

“Cremos que é a mellor forma de colaborar cos concellos e nesa liña imos a seguir traballando desde o goberno provincial”, afirmou a deputada de Plans.  

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradeceu a visita institucional e destacou a importancia do Plan Único para o desenvolvemento do municipio, subliñando que estas achegas permiten acometer actuacións fundamentais para mellorar os servizos e infraestruturas locais, “nun concello como o noso, cabeceira de comarca”. O alcalde solicitou que se activen os convenios para a senda de Poulo e a mellora das vías prinicipais, como a rúa do Recreo. 

No caso concreto de Ordes, o municipio recibirá 1.483.889,46 euros no POS+2026. Desde a creación do plan en 2017, o investimento acumulado da Deputación neste concello ascende xa a 15.418.176,34 euros, que permitiron financiar 54 obras no municipio, que contribuíron nos últimos anos á modernización das infraestruturas e á mellora da calidade de vida da veciñanza. 

Tras a reunión institucional no Concello, o presidente da Deputación, a deputada de Plans e o alcalde visitaron unha das actuacións executadas no municipio con cargo ao Plan Único: a humanización da rúa Mirón, cun invistimento de 97.802,94 euros, que incluíu a renovación do pavimento e das beirarrúas, a mellora das redes de servizos e a instalación de nova sinalización e elementos de protección para os peóns. 

Ambas actuacións forman parte das 54 obras executadas no municipio de Ordes con fondos do Plan Único da Deputación, que contribuíron nos últimos anos á modernización das infraestruturas e á mellora da calidade de vida da veciñanza.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias