El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A programación da Deputación neste 8M pon o acento en que sen as mulleres non hai progreso nin xustiza social

Combina memoria, igualdade e participación social, cun eixo común: o poder colectivo das mulleres para transformar a sociedade.

06-03-2026 09:09:49
Cartel do 8M.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cunha programación que combina memoria, igualdade e participación social, cun eixo común: o poder colectivo das mulleres para transformar a sociedade. O obxectivo da iniciativa é poñer en valor a forza que sostén a vida comunitaria e impulsa cambios reais, mesmo cando non sempre é recoñecida. 

Desde a institución provincial sublíñase que recuperar a memoria das mulleres, visibilizar as súas resistencias e fortalecer a sororidade permite lembrar que a igualdade non está garantida, senón que se constrúe cada día coa implicación activa de toda a cidadanía. Neste sentido, a programación deste 8M pon o acento en que sen as mulleres non hai progreso nin xustiza social. 

Entre as actividades previstas figura a presentación do proxecto 'Mulleres da Reconversión', unha iniciativa que recupera a memoria e o papel das mulleres na reconversión naval dos anos 80 e 90 en Ferrolterra. O proceso incluíu encontros en Fene, a recollida de testemuños, unha visita ás antigas instalacións de ASTANO e a creación dun documental, dunha exposición itinerante e dunha publicación dixital. A presentación pública terá lugar este venres, 6 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Fene

A programación inclúe tamén o concerto 'Vacanal Sinfónica', co que o grupo De Vacas celebra o seu décimo aniversario. O espectáculo desenvolverase o 7 de marzo, ás 20:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, e contará con arranxos de Lucas Rei, coa participación do Coro da Ra baixo a dirección de Ramón Bermejo e cunha orquestra creada especificamente para este proxecto. 

Nos próximos meses levarase a cabo ademais unha adaptación para interiores da exposición ‘Sinaladas’, da xornalista e investigadora Montse Fajardo. A mostra percorre cen anos de loita das mulleres galegas a través de 39 paneis distribuídos en tres bloques temáticos: o período anterior ao golpe de Estado; a loita contra a ditadura, coa participación antifascista, o apoio á guerrilla, o exilio e as violencias específicas exercidas contra as mulleres; e o tempo posterior, que aborda as consecuencias da ditadura, as loitas laborais e as primeiras iniciativas do feminismo, entre outros aspectos. A exposición presentarase en cinco concellos da provincia: Coirós, Moeche, Muros, Muxía e Sobrado. 

Ademais destas propostas, ao longo dos vindeiros meses desenvolveranse múltiples actividades en concellos da provincia, con obradoiros, teatro, contacontos, proxeccións de curtas e propostas para público infantil e adulto. As accións contarán coa participación de compañías e entidades comprometidas coa igualdade, o feminismo e a diversidade. A información completa poderá consultarse a través da web e das redes sociais da Deputación da Coruña. 

Por último, a Deputación da Coruña impulsa tamén a avaliación do I Plan Provincial de Igualdade e a diagnose previa á elaboración do II Plan Provincial de Igualdade 2027–2031, co obxectivo de reforzar as políticas públicas de igualdade en toda a provincia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias