El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Jmm Caminero
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación presenta en ARCOmadrid a primeira Bienal de Artes Vivas

06-03-2026 20:13:18
A Deputación de Pontevedra, en ARCOmadrid.

REDACCIÓN | No marco de ARCOmadrid, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe a primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, que se desenvolverá entre o 2 e o 12 de xullo en diferentes espazos interiores e exteriores do Convento de Santa Clara, consolidando así un modelo estable e profesionalizado de programación cultural para a cidade. Acompañado polo comisario Iñaki Martínez Antelo, Domínguez remarcou que a Bienal inicia unha nova fase de expansión e proxección internacional, abrindo o seu ámbito de actuación a formatos e linguaxes diversos e integrando as prácticas vivas e contemporáneas como territorio de experimentación, diálogo e encontro coa cidadanía.  

“O noso compromiso é claro: a cultura non pode depender da improvisación nin de ciclos curtos. A Bienal é unha aposta estrutural da Deputación por un modelo cultural sólido, estable e ambicioso no tempo”, afirmou o vicepresidente. Domínguez puxo en valor que esta edición non responde a unha acción puntual, senón que forma parte dun proceso de transformación profunda que dota á Bienal dunha estrutura anual alterna: nos anos impares celebrarase a edición de Artes Visuais e nos anos pares a de Artes Vivas. “Estamos consolidando un proxecto con continuidade, planificación e vocación de permanencia, reforzando a presenza da Bienal na vida cultural de Pontevedra e fortalecendo o vínculo entre creación contemporánea e sociedade”, sinalou. 

O vicepresidente destacou tamén o papel simbólico e estratéxico de Santa Clara, espazo que acollerá a primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. “Santa Clara deixa de ser un lugar pechado para converterse nun espazo vivo, aberto á creación contemporánea e á participación cidadá. Recuperamos patrimonio para activalo culturalmente e poñelo ao servizo da sociedade”, subliñou ao tempo que puxo en valor a importancia de presentar o proxecto en ARCOmadrid, un dos principais escaparates da arte contemporánea a nivel estatal e internacional. “ARCO é tamén un espazo de traballo institucional no que estamos tecendo alianzas, xerando novas colaboracións e situando Pontevedra no mapa das grandes citas culturais contemporáneas. A Bienal é cultura, pero tamén é proxección exterior, dinamización e oportunidade para o noso territorio”, afirmou o vicepresidente. 


Pola súa banda, Iñaki Martínez Antelo explicou que Nas marxes articúlase como “un programa situado nos límites desde os que repensar a relación entre arte, espazo e comunidade. A proposta reunirá máis de 20 artistas procedentes da danza, a música, o teatro, a performance, a arte sonora ou o circo, que presentarán tanto estreas absolutas concibidas especificamente para esta edición como outras pezas e procesos en desenvolvemento”. Neste eido, a primeira Bienal de Artes Vivas de Pontevedra desenvolverase en distintos espazos do Convento de Santa Clara —como a igrexa, o xardín ou o coro baixo— activando o diálogo entre arquitectura, creación contemporánea e público. “Interésanos traballar desde o proceso, o corpo, a voz e a acción, abrindo a institución a dinámicas máis experimentais e participativas”, subliñou o comisario. 

A participación da Deputación de Pontevedra por segundo ano consecutivo en ARCOmadrid reforza a proxección da Bienal no ámbito estatal e consolida a súa inserción no ecosistema artístico contemporáneo, impulsando a súa apertura internacional e a creación de novas redes de colaboración. Deste xeito, a Bienal de Pontevedra continúa a súa nova etapa cun modelo claro, estable e sostible no tempo, reafirmando o seu compromiso coa creación contemporánea e co papel da cultura como eixo estratéxico de desenvolvemento.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias