El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Rosa Crujeiras, elixida primeira reitora na historia da USC

11-03-2026 19:23:05
Rosa Crujeiras.

REDACCIÓN | A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da USC logo de ser elixida cun total de 1.397 votos ponderados, fronte aos 721 acadados pola catedrática de Óptica Maite Flores e 148 votos ponderados en branco. O día 12 de marzo producirase a proclamación provisional da reitora electa e do 13 ao 20 establécese o prazo para presentar recursos ante a Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva terá lugar o día 23 de marzo. 

A vencedora dos comicios obtivo 666 votos ponderados por parte do Sector I (Persoal docente e investigador con vinculación permanente), 150 do Sector II (resto do PDI), 424 do Sector III (estudantado) e 157 do Sector IV (Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos). Pola súa parte, a outra candidata acadou 414 votos ponderados do Sector I, 83 do Sector II, 169 do Sector III e 55 do Sector IV. 

No relativo á participación, houbo un total de 9.664 votos emitidos, dos cales o 87,37% pertence ao Sector I, o 59,37% ao Sector II, o 26,99% ao Sector III e o 77,75% ao Sector IV.


Currículo 

Rosa M. Crujeiras é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización. Licenciada en Matemáticas (2001), Diploma de Estudos Avanzados (2003) e doutora en Estatística e Investigación Operativa (2007) pola USC, foi investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain (Bélxica). 

Cunha intensa actividade científica no ámbito da estatística non paramétrica, con publicacións en revistas de prestixio (Journal of the American Satistical Association ou Annals of Applied Statistics), ten tamén colaborado con persoal investigador de distintos ámbitos como a ecoloxía, a xeografía, a enxeñaría química, a lingüística, a economía e as ciencias da computación. A súa traxectoria foi recoñecida co Premio ao Novo Talento Científico Feminino 2023 pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e en 2024, xunto coas profesoras M. Alonso e I. Gijbels, recibiu o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e da Fundación BBVA (FBBVA). 

Impartiu docencia nas Facultades de Matemáticas, Bioloxía, Enfermaría, Filoloxía e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría en grao, mestrado e doutoramento (nestes dous últimos niveis tamén en universidades estranxeiras), coordinou o doutoramento interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa e é membro da Comisión Académica do programa de doutoramento en Estatística da Sapienza (Italia). Dirixiu ademais sete teses de doutoramento. 

Desde a súa incorporación á Universidade de Santiago de Compostela, asumiu distintos cargos na xestión universitaria. Desde outubro de 2010 ata xuño de 2013 foi secretaria académica do Instituto de Matemáticas, pasando posteriormente a ser vicedecana da Facultade de Matemáticas ata xaneiro de 2015. Nesa data incorporouse como adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación, con competencias en calidade, ata xuño de 2017, momento no que pasou a ser vicerreitora ata xuño de 2018. En setembro de 2021 asumiu a Dirección Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), cargo que ocupou ata decembro de 2025. 

Desde 2015 colabora como avaliadora para a Axencia Estatal de Investigación así como con outras axencias internacionais e autonómicas, e desde xaneiro de 2023 é membro do comité asesor do IAMAT2 na Universidade Pública de Navarra.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias