REDACCIÓN | O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, pediu hoxe á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que “deixe de avergoñar a Galicia” nas súas visitas a Bruxelas. “O mínimo que se lle pide a un conselleiro -indicou- é non avergoñar ao pobo que representa. Lamentablemente, parece que a fracasada lobbista de Altri non ten límite á hora de avergoñar ao país”.
Así o sinalou o eurodeputado galego, quen insistiu en que a conselleira está consolidando “unha nova tradición: ir a Bruxelas a criticar á xustiza española”. Neste senso, Casares lembrou que en 2024 Vázquez se reuniu na capital comunitaria co entón director xeral do Servizo Xurídico da Comisión Europea para tentar que o Executivo comunitario presionase ao Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TXUE) en relación co parón eólico en Galicia. “Agora a conselleira redobra o esforzo, nunha mostra máis de como entende o PP a súa relación coa xustiza: submisión ou p’adiante”, sinalou.
O eurodeputado tamén lamentou que a conselleira difundise “bulos” en Bruxelas para xustificar a matanza de lobos. “Nin os propios informes da Xunta sosteñen os bulos do PP en relación á necesidade de desprotexer os lobos. Non se pode facer máis o ridículo”, manifestou.
Igualmente, Casares mostrou a súa sorpresa pola defensa que a conselleira fixo en Bruxelas do mercado de carbono que a Xunta quere crear en Galicia. “Antes que pensar en mercados locais, a conselleira ben faría en convencer á súa familia política de frear os ataques ao ETS, o mercado de carbono da Unión que está a permitir reducir as emisións e facer fronte ao cambio climático”.
Por último, González Casares cualificou como “un exemplo máis do manual de manipulación da conselleira e da Xunta” a reunión mantida con membros da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión sobre a reforma da lei de Costas do Goberno central. “Buscar o aval da Comisión Europea ás súas críticas a un proxecto legal aínda non aprobado só amosa o descoñecemento e a mala fe da conselleira”, a quen lle pediu que deixe de contradicirse. “Como se pode cifrar en miles de millóns de euros o impacto económico da reforma ao tempo que recoñece que nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios propostos? Deben estar a aplicar os mesmos baremos que utilizaron para calcular os postos de traballo que ía crear Altri. Esa é a credibilidade desta Xunta”, concluíu.